BNG creará o Consorcio Galego de Transportes e a tarifa plana de transporte intermodal desde o goberno da Xunta

Transporte
Transporte

Noa Presas afirma o compromiso do BNG para mellorar a mobilidade da comarca de Valdeorras entre si, con Ourense e co resto do País

“Cun goberno do BNG, coas mans libres para defender Valdeorras, esta comarca deixará de estar illada” apunta Presas durante a reunión co tecido social e económico

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, mantén unha reunión con representantes do tecido social e económico traslada as principais medidas en materia de transporte e mobilidade. Destaca a creación dun Consorcio Galego de Transportes e o impulso dunha tarifa plana de transporte intermodal. E, no concreto, para a comarca de Valdeorras, o BNG comprométese a rematar coa discriminación e o illamento que sofre en materia de mobilidade cun goberno “coas mans libres” para defender os intereses da veciñanza: restauración do servizo ferroviario ou mellora na seguridade viaria como na N-120, entre as cuestións prioritarias a resolver.

“Tarxeta 30” e unha intermodalidade real

O programa de goberno do BNG contempla aportar solucións transversais ás dificultades de mobilidade de persoas en transporte colectivo, fórmulas sustentables e responsables adaptadas ao medio natural e á realidade do territorio. Mais tamén, engade Presas, unha mobilidade verdadeiramente intermodal, “que sexa real e non só física”, diminuíndo a dependencia do vehículo privado.

“Crearemos o Consorcio Galego de Transporte, impulsado desde a Xunta e coa participación de RENFE e os concellos. Do mesmo xeito, impulsaremos a tarifa Plana de transporte intermodal –bus, tren, taxi rural- con prezo mensual, descontos para determinados colectivos en función da renda e gratuidade para estudantes, persoas paradas e xubiladas” avanza a cabeza de lista do BNG. A isto, Presas engade o impulso dun plan específico de mobilidade no rural “con rutas e horarios suficientes para a asistencia prioritaria no ámbito da educación, sanidade e servizos sociais”.

Rematar co illamento e mellorar as infraestruturas: “goberno coas mans libres”

Durante a reunión co tecido social e empresarial da comarca de Valdeorras, Presas comprométese a rematar co illamento e a discriminación que sofre a comarca, tamén en materia de infraestruturas e mobilidade. “Sobran os exemplos sobre a necesidade de ter un goberno galego coas mans libres, como ten o BNG, para rematar con esta situación: aí podemos ver o mal estado da N-120, a inexistente A-76 ou o desmantelamento progresivo dos servizos ferroviarios que conectaban a comarca con Ourense, co resto do País e mesmo coa meseta” enumera Presas.

“O elevado índice de sinistralidade viaria, coas terríbeis consecuencias, demostra que hai que inverter totalmente as prioridades e os maiores esforzos deben ir a mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais de forma máis segura, potenciar os camiños de ferro interiores e de proximidade” sinala Presas.

Un goberno, o do BNG, coas mans libres para defender os intereses da veciñanza de Valdeorras e con capacidade para negociar coas administracións responsábeis –como o Estado- para impulsar a mellora das infraestruturas e recuperar os servizos suprimidos, a destacar os ferroviarios tanto de media como de longa distancia incluídos os trens nocturnos. “Ademais, no que ten que ver coas competencias que xa ten a Xunta de Galiza, quero resaltar que no nos programa de goberno levamos contemplada a mellora do transporte colectivo por estrada, co impulso do transporte a demanda nas zonas rurais e a mellora do transporte comarcal” asevera Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG