Galegas 2024

BNG comprométese a traballar dende a Xunta para aproveitar os potenciais turísticos, naturais e produtivos do Miño

Acto Tui
Acto Tui
Un tren de proximidade e infraestruturas para conectar o territorio, fomentar a cooperación transfronteiriza e mellorar a atención sanitaria, entre as propostas do Bloque a cumprir tras o 18F

O BNG garantiu hoxe en Tui que traballará dende o goberno da Xunta para aproveitar os potenciais turísticos, naturais e produtivos do rio Miño. Así o manifestou o cabeza de lista Luís Bará, quen se comprometeu tamén a reclamar a xestión da Confederación Hidrográfica do Miño- Sil por parte do executivo galego, a impulsar a cooperación transfronteiriza, a crear un tren de proximidade que conecte o territorio miñoto e a mellorar a atención sanitaria na zona cando o Bloque chegue a Presidencia do goberno galego tras o 18F.

O número un do cartel nacionalista por Pontevedra subliñou que o BNG é a única forza que pode garantir a atención do territorio miñoto e deixar atrás a discriminación á veciñanza da zona por parte do PP. Destacou que Ana Pontón é a alternativa real ao goberno de Rueda, polo que pediu unha grande participación e que o voto de todas as persoas que queren cambio se concentre na papeleta nacionalista para que non se perda nin un só apoio en candidaturas con poucas posibilidades de obter representación.

Amosouse convencido que o país está ás portas dun “cambio histórico” que require un programa de goberno ambicioso como o do BNG, que vai poñer en valor todo o potencial de Galiza con proxectos estratéxicos e transformadores para desenvolver o mellor futuro para as galegas e os galegos.

No caso da conca do Miño Bará destacou que é preciso afrontar dende a Xunta problemas que agora non resolve a Confederación, como a inexistencia dun plan de saneamento de todos os ríos da bacía ou a falta de control dos encoros hidroeléctricos que teñen dado serios problemas polos baleirados.

Salientou que o goberno do Bloque potenciará organismos de cooperación territorial como o AECT Rio Minho, con competencias delegadas polas diferentes administracións (galegas, españolas e portuguesas, estatais e locais) para a xestión conxunta do val internacional co obxectivo de planificar iniciativas de desenvolvemento económico e accións da protección e valorización do patrimonio natural e cultural do territorio fronteirizo.

Entre as iniciativas necesarias no territorio miñoto Bará fixo fincapé no desenvolvemento das figuras de protección da Rede Natura 2000 arredor do río, de estratexias de recuperación ambiental, prevención de riscos, explotación pesqueira e turística sustentable , saneamento das augas, e protección da biodiversidade de ambas beiras, cuestións “abandonadas” a día de hoxe pola falta de impulso e coordinación.

Tamén falou Bará de poñer en marcha un Investimento Territorial Integrado, de desenvolvemento de solo empresarial e da economía, así como de servizos sociosanitarios. Fixo un apunte especial ao desenvolvemento do tren de proximidade, un modo de comunicación que vertebraría o territorio do Miño, dixo, de maneira sustentable.

Pola súa banda, a candidata e médica Carme Núñez subliñou que nos últimos anos acumúlanse as queixas no Baixo Miño polas malas condicións da sanidade. Destacou que “vivímolo todos no noso día a día: falta persoal, demoras nas consultas do médico de familia, 15 días agardando unha cita e cando chegas apenas dispós de poucos minutos para ser atendido, apenas tempo para atender pacientes complexos...”. Fronte a isto, anunciou que o BNG, entre outras melloras, porá en marcha un Plan de rescate da Atención Primaria urxente cunha inversión inicial de 200 millóns de euros.

Falou tamén a nacionalista de infraestruturas, salientando o mal estado das estradas autonómicas na comarca –con grande a inseguridade viaria e o perigo tanto para peóns como para vehículos- ; dos 20 anos de atraso do VAC Tui-A Guarda; e da conexión co polígono de Areas, “unha trapallada” porque os vehículos pesados entran atravesando unha parroquia dende a súa construción e, agora, máis de vinte anos despois, farano a entrada por un túnel irregular, estreito, que impide o paso dos peóns.

“Podemos falar do transporte ferroviario, do deficiente transporte público e de moitos outros temas que demostran o abandono da Xunta fronte a os problemas reais, que demostran esa desidia en Tui por parte da Xunta”, dixo. “O que pode facer o PP xa o demostraron durante estes 15 anos. Fagamos algo diferente Probemos a cambiar as cousas. Vexamos agora o que pode facer o BNG , démoslle esa oportunidade”, pediu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG