O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega, Paulo Carril, e o Secretario Confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Francisco González Sío, presentan as emendas rexistradas ao Proxecto de Lei de Emprego co obxectivo de reverter o carácter privatizador e centralista do texto. Ambas organizacións, CIG e BNG, lamentan a nula ambición do Goberno de PSOE e UP para axeitar o texto á realidade e ás necesidades actuais, así como corrixir as debilidades estruturais, mellorar as políticas públicas de emprego e modernizar a negociación colectiva.
“A motivación principal que provoca a reforma da lei de emprego, igual que acontece con outra serie de reformas de textos legais, é a de cumprir coas exixencias da Unión Europea para a recepción dos fondos europeos” explica o Secretario Xeral da CIG. Paulo Carril, ademais, sinala que esta Lei de Emprego “non constrúe un marco estratéxico que permita corrixir as disfuncións e a ineficacia do sistema económico e laboral actual”.
Para o deputado no Congreso do BNG o proxecto presentado non aborda cuestións de fondo na Política de emprego. “Tampouco aborda as dificultades para a creación e o mantemento do emprego, nin aborda a reforma do sistema de protección por desemprego, cuestións que deberían ser abordadas nunha Lei de Emprego” sinala Rego. De facto, explicou o Secretario Xeral, outros estados como o francés aproveitan a lei de emprego para facer un regulamento de todos os servizos e políticas “mais o Estado español parece estar máis preocupado por cumprir os requisitos da Unión Europea estabelecer un marco regulador no eido laboral”.
Neste sentido, ambas organizacións reclaman reverter o carácter privatizador e centralista do texto lexislativo proposto polo Goberno do Estado, así como adecualo á realidade existente e ás necesidades actuais do marco laboral, así como corrixir as súas debilidades estruturais e modernizar a negociación colectiva. “A lei atribúe a elaboración de políticas en materia de emprego case en exclusiva ao Estado e considera ás Comunidades Autónomas como meras delegacións da futura Axencia de Emprego, laminando por completo as competencias propias da Galiza nesta materia, que permiten adaptar as actuacións ás necesidades específicas galegas. Así mesmo, abre a porta á privatización do sistema público de emprego pois permite a execución das súas funcións a través de empresas privadas que ademais van a recibir fondos públicos para desempeñar tarefas que deberan permanecer no ámbito público” subliña Rego.
“A Axencia Española de Emprego é a novidade proposta nesta Lei polo Goberno, unha forma xurídica que fomenta a fragmentación da Administración e subtrae a súa actividade e xestión dos fondos fóra do control público. Ao mesmo tempo, redúcense os postos de representación sindical” expón o Secretario Xeral. Ao mesmo tempo, apunta as emendas que van a favor de reverter a privatización do Servizo Público de Emprego e o seu desmantelamento, e que as axencias de colocación perda o peso que gañan nesta texto. “Aproveitase esta lei para privatizar a xestión da formación e centralizala mais sen garantir que as persoas poidan optar a postos de traballo, a través da recolocación, que non teñan que ver co perfil profesional e formación da persoa” incide Carril.