A parlamentaria Montse Prado reclama á consellería de sanidade que presente no Parlamento unha estratexia sobre saúde mental en Galiza
Os grupos parlamentares do BNG, AGE e PSOE compareceron hoxe ante os medios de comunicación para trasladar e amosar o seu apoio as propostas do Movemento galego de Saúde Mental.
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado denunciou enormes deficiencias nesta materia así como a falta dunha estratexia de saúde mental elaborada pola Consellería de Sanidade.
Prado lembrou que foi o Goberno galego o que pechou centros desviando aos doentes crónicos a residencias da 3ª Idade con persoal sen suficiente formación para atendelos. Os recortes neste ámbito supoñen, dixo, un dobre problema para os afectados/as e as súas familias, só o 12% reciben axudas obrigando aos familiares a facerse cargo de todas as necesidades da persoas afectada por unha doenza mental.
A parlamentaria anunciou o apoio do BNG a resolución para que o Parlamento galego acorde unha declaración institucional o día 10 de outubro con motivo do Día Mundial da Saúde Mental e considerou que esta data non debe ser outro día de... cheo de propaganda do Goberno pero sen medidas concretas para unha atención á saúde mental adecuada, protección social ás persoas afectadas por trastorno mental e políticas activas dirixidas a promover a súa incorporación e normalización laboral.
Prado lembrou que o BNG presentou diversas iniciativas parlamentarias nesta liña pero tanto o PP como a propia consellería de Sanidade seguiron practicando unha drástica política de recortes contrarios a aumentar o esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental.
O BNG apoia ante o Valedor do Pobo a Beatriz Martínez
Previamente á comparecencia ante os medios de comunicación, a parlamentaria acompañou a Beatriz Martínez , enferma de cancro, para entregar ao Valedor do Pobo un escrito, como xa fixera no Congreso dos deputados, pedindo a mellora da protección laboral e Seguridade Social para os pacientes afectados por esta enfermidade.
A parlamentaria afirmou que o voto en contra do Partido Popular para a toma en consideración da proposta avalada por 500.000 sinaturas evidencia a súa escolla ideolóxica e deixa tirado a un colectivo vulnerábel cando máis o necesita.
Prado tamén censurou a insensibilidade do Partido popular e asegurou que o BNG non vai deixar de loitar para mellorar a situación destes pacientes, xa non é cuestión de cartos. Por outra parte, criticou que o argumento esgrimido polo PP sexa non poder modificar o Pacto de Toledo, pero si modificada a Constitución de un día para outro.
A parlamentaria anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas parlamentarias ao fin de garantir os dereitos das persoas afectadas por cancro e contra a denegación das incapacidades amparándose nos recortes.