BNG acusa á Xunta de manipular as cifras de profesorado para ocultar os recortes en educación

Manel Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo insiste na urxencia de aumentar o número de docentes e articular bolsas extraordinarias anticrise tendo en conta ademais que sete de cada 10 alumnos non reciben ningún tipo de axuda para o inicio do curso

O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, exixiu á Xunta que escoite as demandas da comunidade educativa ante o que considerou vai ser “probablemente o inicio máis duro en varios lustros” e acusou á Consellería de Educación de manipular as cifras sobre o profesorado para ocultar os recortes.

“Manipulan porque cando señor Román Rodríguez ou o señor Rueda falan de 31.000 profesores e profesoras para este ano, están a mesturar datos do profesorado en cadro (o que os nosos mozos e mozas teñen nas aulas) co profesorado de programa (o de reforzo que cada ano veñen en moitos casos a media xornada, financiados tamén nalgúns casos en parte polo Goberno do Estado) para maquillar un dato que eles saben que os deixa en evidencia”, explicou Lourenzo, quen advertiu que a proba desta realidade é que o único que está publicado no DOG ata o de agora é a orde do 2 de agosto que establece a resolución provisional de adxudicacións e que pon “negro sobre branco, con máis de 700 profesores menos a respecto do ano pasado”.

“Iso é o que di o DOG e o que non lle imos permitir ao PP é que continúe con esta estratexia de manipulación e de mentira”, advertiu, para engadir a continuación que “se lles foi tanto a man coa tesoira que ata tiveron que estar empregando estas semanas para teren reunións express nas xefaturas territoriais con moitos centros porque esta realidade tamén a están denunciando os propios centros, ata o punto de que moitos deles puxeron a súa dimisión enriba da mesa porque con este recorte de profesorado era imposible levar adiante a organización escolar e a organización académica”.

Así pois, recalcou que, xunto ao BNG, son as propias familias, o profesorado e o alumnado quen está a denunciar que hai un recorte de profesorado “absolutamente letal” para o sistema educativo e, nesta liña, retou ao Goberno do PP a que indique no primeiro día de clase cantos profesores e profesoras hai en cadro para este curso escolar e cantos había en cadro no curso escolar anterior.

“Esta información téñena a golpe dun clic, se queren desmentir o que están dicindo as familias, o profesorado, o ámbito sindical, téñeno tan doado como facilitar ese dato que teñen a golpe de clic”, desafiou para afirmar a continuación que “en tanto en canto non o dean, o que estarán a demostrar é que están instalados na demagoxia, na manipulación e nunha mentira que a comunidade educativa non precisa”, algo que, segundo recordou, xa aconteceu o curso pasado, cando a Xunta negaba os recortes e “ao final demostrouse cos propios datos da Consellería que se recortaran case 900 profesores”.

Logo de avanzar que o BNG sumarase á mobilización convocada para o mércores pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en San Caetano, o deputado nacionalista advertiu que o inicio deste curso escolar será con toda probabilidade “o máis duro en varios lustros” dado que o alumando vén de dous anos anómalos pola pandemia -coas conseguintes consecuencias sobre a aprendizaxe-; o profesorado está exhausto, logo de ter que reinventarse e atopar solucións de urxencia durante este tempo e facelo só, sen contar cunha Consellería de Educación incapaz de ofrecer respostas; hai unha ausencia de currículos claros e ben definidos porque a Xunta bota balóns fóra, mentres a maioría das comunidades xa os teñen publicados; e, por riba, as familias afrontan un inicio de curso nunha situación económica sen precedentes pola crise de prezos, con gastos que oscilan entre os 400 e os 1.200 euros e cando en Galiza case sete de cada 10 alumnos e alumnas non reciben ningún tipo de axuda para o arranque deste curso.  

Neste contexto que, segundo recalcou, obriga a poñer todos os recursos necesarios sobre a mesa, denunciou que o Executivo galego está a seguir no ensino público “exactamente a mesma folla de ruta que se está a seguir coa sanidade pública”, polo que reafirmou as propostas do Bloque para este curso escolar e que, segundo lembrou, pasan reforzar o sistema educativo galego no inmediato con 1.000 docentes máis; recuperar o horario lectivo do profesorado (tal e como xa están facendo moitas outras comunidades); reducir as ratios; recuperar a gratuidade universal dos libros de texto; compatibilizar a gratuidade co EDixgal e articular un programa de bolsas extraordinarias anticrise, dotado inicialmente con 25 millóns de euros e “para que todas as familias con rendas per cápita inferiores a 12.000 euros poidan afrontar un inicio de curso marcado pola postpandemia e por unha situación económica dificilísima”.  

“No BNG estamos coa comunidade educativa en trasladar iniciativas, como faremos no Parlamento galego, que cremos son fundamentais para o desenvolvemento académico deste curso escolar e para o futuro inmediato do noso sistema educativo e o que exiximos ao Goberno galego é que, dunha vez por todas, se poña a traballar e deixe de estar instalado na manipulación”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG