O BNG propón cara ao inicio deste curso escolar, marcado pola crise de prezos e os recortes do Goberno do PP no ensino público, a posta en marcha dunha serie de medidas que permitan ás familias afrontar o arranque do curso e reforzar a sistema educativo galego, entre elas, un programa extraordinario de bolsas anticrise, cunha dotación inicial de 25 millóns, destinado ás rendas inferiores aos 12.000 euros per cápita e con contías que oscilen entre os 250 e os 500 euros; a contratación de 1.000 profesores e profesoras máis para este curso; a recuperación das horas lectivas previas á pandemia e a gratuidade dos libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio.
Así o explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, no IES Virxe do Mar de Noia, onde apuntou á necesidade de articular medidas extraordinarias para que as familias galegas “que están afogadas pola crise” reciban o apoio que precisan para afrontar gastos extraordinarios que oscilan entre os 400 e os 1.200 euros.
Segundo afirmou, o programa extraordinario de bolsas anticrise que propón o Bloque permitiría que as familias “non teñan que escoller entre poder atender as necesidades educativas dos seus fillos e fillas ou as necesidades que teñen no seu día a día” e, neste sentido, subliñou que “a obriga que ten a Xunta é que esta crise non signifique unha nova exclusión para o alumnado e que vexamos como as diferenzas sociais volva supoñer que haxa xente que non pode continuar con garantías e en igualdade no sistema educativo”.
De igual xeito, e ante un Goberno galego que insiste nos recortes e que xa supuxeron a perda de máis de 1.300 docentes nos últimos 13 anos, urxiu “un cambio de rumbo” e o reforzo do ensino público coa contratación de 1.000 profesores e profesoras máis para este curso.
“En vez de recoñecer os problemas e poñer enriba da mesa solucións, a Xunta dedícase a dicir que todos menten menos eles”, criticou logo de advertir que, ao tempo que acusa á comunidade educativa e ao Bloque de mentir, o Executivo galego está “tentando negociar pola porta de atrás coas ANPAS e coas equipas directivas que se mobilizan para tentar acalar a protesta social que se está poñendo en marcha no noso País”.
“O único que está mentindo neste caso é o Goberno do PP”, asegurou, porque o BNG cando denuncia que neste curso hai un recorte de máis de 700 profesores e profesoras “faino en base aos datos oficiais que están publicados no DOG, en base aos datos oficiais da Xunta”. “Eu reto ao señor Rueda a que nos desminta cos datos oficiais porque o que estamos denunciando é a dura realidade que ten o ensino público”, incidiu, para insistir a continuación na necesidade de que o PP rectifique unha folla de ruta que pasa por “privatizar a sanidade e privatizar a educación para seguir beneficiando os intereses do ámbito privado e de certas empresas con vínculos logo co PP”.
A líder nacionalista puxo de relevo esta realidade no IES Virxe do Mar de Noia, un dos centros que, segundo indicou, exemplifica precisamente “o deterioro do ensino público, cunha comunidade educativa que se está mobilizando para denunciar que non ten o profesorado que necesita”, xa que dende 2016 perdeu sete profesores e profesoras e no que a Consellería de Educación pretende que comece o actual curso con tres docentes menos.
“Pedímoslle á Xunta que escoite á comunidade educativa e que repoña o profesorado que necesita este centro e tantos e tantos centros galegos”, indicou, para engadir que o que está pasando neste IES “non é un caso illado, senón que está pasando ao longo e ancho de todo o País”, con mobilización cidadá, ANPAS que están dimitindo e equipas directivas que están dicindo que sen os recursos necesarios non seguen adiante, ao seu xuízo, “toda unha mostra de a onde conducen os recortes do PP”.
Pontón recordou que xa na anterior crise “o PP recortou na educación pública deste País”, polo que, fronte á actual crise, recalcou a necesidade de “ir xusto na dirección contraria” e fortalecer o ensino público xa que, segundo concluíu, este é o mellor investimento “que podemos facer como sociedade”: “apostar por un ensino público de calidade, onde as barreiras económicas non signifique barreiras educativas”.