congreso

BNG acusa o Goberno do Estado de cómplice no boom eólico depredador que ameaza á Galiza

Néstor Rego: “É unha auténtica vergoña que o goberno autodenominado máis progresista estea a favorecer e defender os intereses do oligopolio. Unha verdadeira barra libre para as eléctricas”

O deputado do BNG exixe a Ribera recuperar as garantías ambientais e de participación cidadá na tramitación de novos parques eólicos : “é o mínimo que se debe facer”

Na sesión de control ao Goberno, o deputado do BNG, Néstor Rego, exixiu á Vicepresidente Terceira do Goberno do Estado, Teresa Ribera, recuperar as garantías ambientais e de participación cidadá na tramitación de novos parques e megaparques eólicos. A frente nacionalista culpa o Goberno de ser cómplice do boom eólico depredador que ameaza a Galiza por levar a cabo unha política en renovábeis que favorece os intereses do oligopolio enerxético, afectando de maneira negativa o noso territorio ao non contaren os proxectos con Declaración de Impacto Ambiental nin con exposición pública e posibilidade de alegacións por parte das persoas afectadas; unha verdadeira “barra libre para as empresas”.

Durante a sesión de control ao Goberno do Estado realizada nesta cuarta feira, a organización nacionalista formula unha pregunta á Vicepresidenta Terceira e Ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. “Acha compatíbel a preservación ambiental e de apoio ao sector primario con eliminar a Declaración de Impacto Ambiental e a participación cidadá nos proxectos eólicos?”. Sorprendentemente, a Vicepresidenta respondeu “non”, negando que o fixesen. Mais, o deputado nacionalista, lembrou a Teresa Ribera que iso é exactamente o que recolle o Real Decreto 20/2022, coa única excepción do mar e a Rede Natura.

“Vostede sabe que non é verdade que cantos máis parques eólicos e máis rápido, máis baixará o prezo da electricidade. Depende de moitos factores: da regulación do sector eléctrico, do mantemento ou non do sistema marxinalista, ou mesmo de se a produción está en mans de grandes empresas privadas ou se coloca -como defende o BNG- baixo control público, como ben esencial e estratéxico que é, para poñelo ao servizo do desenvolvemento social e económico e non só do maior lucro do oligopolio, exactamente o que vostedes non queren facer” subliña o deputado nacionalista para desmentir o relato do Goberno do Estado.

Para a frente nacionalista, a política que está levando o executivo en materia das renovábeis está a ser contraria aos intereses da cidadanía: “non é un plan, é neoliberalismo puro e duro” afirma Rego. Agora, coa eliminación da Declaración de Impacto Ambiental e a participación cidadá, a través do RDL 20/2022, o Goberno “está permitindo que as empresas elixan onde instalarse sen os controis necesarios, o que provocará máis impacto ambiental, máis afectación ao patrimonio histórico, ocupación de terras de produción agrícola e gandeira e destrución do medio de vida de millares de persoas, así como a desvalorización das propiedades”.

“Unha verdadeira barra libre para as grandes empresas enerxéticas”, incide o deputado do BNG, en troca de nada en reversión para os territorios afectados. “É incomprensíbel, e unha auténtica vergoña, que esta normativa saia do autodenominado goberno máis progresista porque se está a favorecer de forma descarada os intereses do oligopolio” denuncia Rego.

O BNG defende outro modelo de xeración eléctrica, baseada na produción a menor escala e máis próxima dos centros de consumo, empresas públicas e Tarifa Eléctrica Galega

“Na Galiza, que sofre un verdadeiro boom eólico depredador, xa existen casos de proxectos non autorizados pola Xunta que foron modificados para aumentar a súa potencia -o caso do parque Carballoso, que pasa de 49 a 51 MW- para poder acollerse ao laissez faire do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico” exemplifica o deputado do BNG durante a sesión de control.

“O BNG defende outro modelo de xeración eléctrica, baseada na produción a menor escala e máis próxima dos centros de consumo, empresas públicas e Tarifa Eléctrica Galega”, subliña Néstor Rego.

Rego lembrou que, perante esta situación que ameaza a Galiza, a organización nacionalista presentou unha Proposición de Lei para recuperar as garantías ambientais e de participación cidadá na tramitación futura de proxectos de parques eólicos. “É o mínimo que se debe facer” conclúe o deputado do BNG no Congreso.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG