parlamento galego

BNG acada a unanimidade para articular o Banco de Explotacións Agrarias e dotar de persoal as OACs para a súa divulgación

Xosé Luís Rivas (Mini)
Xosé Luís Rivas (Mini)
A proposta defendida polo nacionalista aprobada no Parlamento galego, inclúe  a posta en marcha do Banco de explotacións, a mobilidade de terras e o asesoramento ás actividades agrícolas e gandeiras, de transformación e comercialización agrarias

O portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) celebrou o apoio unánime  na Cámara galega á proposta nacionalista para articular o Banco de explotacións Agrarias dotando, de maneira inmediata, ás Oficinas Agrarias Comarcais, (OACs), de persoal necesario para a súa divulgación e a posta en marcha do Banco de Explotacións, mobilidade de terras e asesoramento ás actividades agrícolas e gandeiras, de transformación e comercialización agrarias.

A iniciativa nacionalista defendida por Rivas non foi aprobada nos puntos relativos a:  unha maior dotación económica para os plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores e agricultoras mozas e ó desenvolvemento de pequenas explotacións que fagan destas medidas un eixo central das políticas de reactivación do rural galego, así como iniciar as convocatorias e resolucións, destes plans, en tempo e prazo cumprindo coa normal lóxica administrativa.

Na defensa da proposta, o nacionalista alertou do peche de  334 granxas do sector lácteo, o ano pasado,  que sumadas ás de produción de carne ascenden a 1.600” e criticou que esta tendencia é produto de 13 anos de políticas erráticas dos gobernos do PP que provocaron pasar de 47.394 explotacións gandeiras a 27.663.” Feixóo e as súas políticas de abandono da actividade agrogandeira deixan un saldo negativo de 20.000 granxas gandeiras”, afirmou.

Por outra banda, lembrou que no período 2014-2022, oito anos, da denominada  “Lexislatura do rural”, Galiza perdeu  no gandeiro lácteo 5.300 explotacións. O sector leiteiro, a pesar dos vaivéns do mercado e da problemática xerada polo uso por parte da Distribución do produto coma reclamo comercial, mantén rendementos aceptables, e aínda así perde “entre 30 e 40 granxas por mes”.

Os rendementos para os produtores de vacún de carne e as súas  20.000 explotacións son “dunha miseria inaceptable”, recalcou o deputado e este número inclúe as pequenas granxas de menos de 10 vacas nutrices que complementan economías familiares e proporcionan carne de excelente calidade xeralmente en extensivo, moitas veces coma resultado do abandono de granxas de maior porte.

Para o nacionalista, “a reestruturación agraria en Galicia fíxose a golpe de abandono inducido” e coa intencionada ausencia de medidas que ordenasen a propiedade e o seu uso, mobilizaran a terra agraria,  planificaran  e promocionaran a actividade agrogandeira, mostrando  a intención de modernizar o sector primario”.

O deputado do BNG advertiu  que  “o abandono e a biomasa son o combustible necesario para aumentar o gasto en extinción” convertendo a Consellería nunha institución dedicada a sufocar os  frecuentes e catastróficos lumes porque o “abandono e a miseria chaman polo lume”.

Na defensa da proposta tamén se referiu a  Lei de Recuperación da Terra Agraria prevía a creación dun Banco de Explotacións “...que sería un instrumento público de mediación e coa finalidade de facilita-la posta en contacto entre titulares de explotacións que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade (e que, por tanto, non acrediten a súa continuidade e recibisen axudas públicas no período de tempo inmediatamente anterior ao abandono da actividade), e persoas interesadas en incorporarse a elas, co obxectivo de garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono das terras que as conforman.

Ao respecto, faise preciso que sexa o Goberno galego o que fomente a súa difusión, sobre todo, entre aqueles potenciais beneficiarios, isto é, actuais titulares próximos á xubilación e que non contan con relevo e posibles futuros beneficiarios de explotacións...

Xosé Luís Rivas asegurou que o acordo acadado hoxe, en un paso adiante para articular o Banco de Explotacións Agrarias, en consonancia con outro acorto parlamentario  do ano 2021 instando “á Xunta de Galicia a promover a difusión e coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre os seus posibles beneficiarios”.

 

 

Pero  unha cousa, dixo,  é predicar e outra dar trigo, que di o refrán, e a  asunción da teoría da LRTA de Galicia non implica compromiso serio para poñer  remedio ao problema e pasado un ano do acordo parlamentario,  “do Banco de Explotacións nada se sabe excepto unha páxina cun mapa sen datos, un teléfono que non funciona e ninguén que desde a Consellería poida dar razón da súa existencia”.

 

 Rivas pediu ao PP “vontade política” para ir avanzando en medidas de impulso e protección das explotacións agrarias. “Teñen  165 millóns de euros sen executar do ano pasado”, póñanse as pilas e non deixen na estacada ao medio rural nin a súa produción, “motor de desenvolvemento económico en Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG