BNG acada un novo acordo unánime no Parlamento para que as persoas xordas teñan intérpretes na sanidade pública

Mercedes Queixas e Olalla Rodil
Mercedes Queixas e Olalla Rodil
Queixas denunciou a “sorpresa, o desconcerto e a impotencia” das persoas xordas fronte un Goberno do PP que incumpre o seu propio acordo para logo subscribir un novo. Avisou da posición “vixiante” do BNG “para que este compromiso sexa xa dunha vez efectivo”

O BNG denuncia a discriminación que sofren as persoas xordas nos centros de saúde galegos, xa que non contan con intérpretes en lingua de signos para poder comunicarse. O PP leva máis dun ano incumprindo o acordo unánime da Cámara para dotar á sanidade pública deste servizo.

“Non aceptamos que suman na frustración ás persoas xordas nin toleramos a indigna actuación de Sanidade”, recriminou Mercedes Queixas, que criticou o “inescusable retraso” da Consellería de Sanidade en levar a cabo o seu propio compromiso perante as persoas xordas e as asociacións que as representan. “É unha falta de respecto, tamén, ao propio Parlamento, e con isto o PP vulnera os dereitos fundamentais das persoas xordas para recibir asistencia sanitaria en igualdade de condicións ao resto da cidadanía”, remarcou.

 

 

A deputada do BNG agradeceu o acordo unánime, mais lembrou ao PP que este acordo e “lamentablemente non ten a mesma alegría nin esperanza cas de hai tantos meses, despois deste incumprimento previo, polo que significa de agravio e indefensión do colectivo”. Sinalou que, máis alá da política, trátase dunha “cuestión ética” e fixo referencia ás demandas da comunidade xorda, que leva “demasiado tempo esperando unha resposta”. Neste sentido, denunciou que “dende as propias asociacións e federacións de persoas xordas levan moito tempo reclamando isto”. Un colectivo que se atopa coa falta colaboración efectiva por parte da Consellería de Sanidade, que evitou dar explicacións sobre este retraso na execución do acordo parlamentario.

“Queremos que se garantan os dereitos humanos fundamentais, un bo Goberno ten que ser corrector das desigualdades, non mantelas”, criticou Queixas fronte á representación dos Populares no Parlamento. A deputada do Bloque puxo o foco na necesidade dun espazo sanitario galego “accesíbel e inclusivo os 365 días e as 24 horas”. Ademais, aproveitou para incidir na importancia da formación do persoal sanitario respecto da comunicación coas persoas non ouvintes, xa que a día de hoxe “non ten información sobre a comunicación coas persoas xordas, descoñecen como atender a estes pacientes”

A parlamentaria nacionalista emprazou, de novo, ao Goberno do PP a cumprir este acordo que hoxe subscribiu e facelo “canto antes, se isto é para vostedes unha prioridade”. Concluíu advertindo que o BNG “estará, como o estivo sempre, viaxante para que este compromiso sexa, xa dunha vez, efectivo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG