A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Carme Aira acadou o compromiso do Secretario Xeral do Servizo Galego de Saúde, Alberto Fuentes para implantar catro novos puntos de rexistro oficial na Área sanitaria de Lugo co fin de facilitar o acceso ao documento de instrucións previas ou “testamento vital”. Os novos catro puntos estarán operativos a final de ano.
Na súa intervención, Aira lembrou que mentres na provincia da Coruña existen 22 puntos e en Pontevedra e Ourense 9 respectivamente, Lugo só conta cun punto, realidade que constata que a maior número de rexistros maior número de oportunidades para depositar as instrucións previas, eiva que conleva unha repercusión negativa nas provincias con máis zonas rurais.
Afortunadamente, explicou a nacionalista, a visión da sanidade vaise modificando así como a do persoal sanitario encargado da asistencia sanitaria.
Garantir o dereito legal a unha morte digna
Películas como Mar adentro coa historia de Ramón Sampedro puxeron o foco no dereito a morrer dignamente e o dereito á liberdade individual para abandonar unha vida de dependencia e insatisfacción, seguramente acompañada de grande sufrimento vital e moral que conduce a que a persoa afectada reclame non padecer durante máis tempo unha situación insoportable.
“Á nosa sanidade pública debe mellorar na atención aos coidados paliativos e non se trata tan só dos e das profesionais con maior ou menor sensibilidade senón que se trata de levar a cabo políticas activas que melloren estruturalmente este tipo de asistencia”.
No Hula, puxo como exemplo a parlamentaria do BNG, “os coidados paliativos son administrados nunha unidade de hospitalización que tamén acolle pacientes de Medicina Interna, o cal imposibilita a atención especializada e personalizada que requiren estes pacientes na última fase da súa vida e o persoal non pode atendelos do xeito exclusivo que merecen, porque hai outros pacientes non terminais que tamén demandan os seus coidados... “non se poden parar a falar con eles, a clarexar dúbidas, a transmitir calma” porque no deseño das políticas sanitarias, isto non é prioritario.
A deputada considerou que os pacientes deberían ser asistidos sempre nas súas casas e a pesares do bo funcionamento da Hospitalización a domicilio, non chega a tódolos concellos nin se pode asumir dende unha atención primaria exhausta.
Ao seu xuízo, poder vivir a etapa final da nosa vida contando cos recursos necesarios e o dereito legal a unha morte digna, non é unha cuestión menor.
O SERGAS na súa páxina recolle datos do rexistro de instrucións previas ou testamentos vitais dende o 2014, cun incremento das solicitudes en 3,5 veces e alcanzando a cifra de 14.810, a maior parte, 51% rexistradas nas provincias da Coruña e Pontevedra mentres que en Ourense foi do 9% e Lugo o 8%.
A deputada do BNG considerou que “urxe un traballo de difusión sobre o documento de instrucións previas que garanta que se cumpran os dereitos a respecto de decidir sobre a túa vida e os teus tratamentos, así como o seu remate cando non sexas capaz de decidir ou expresar a túa decisión”. Nesta liña, recalcou que o obxectivo debería ser chegar ao 100% da poboación e despois facilitar o acceso a este servizo, en igualdade de condicións dotando o sistema sanitario de puntos de rexistro suficientes para que ninguén poida quedar excluído por falta deste recurso.
Resulta “inexplicable” que a día de hoxe, a poboación lucense se encontre en inferioridade de condicións para acceder aos rexistros, nos que unha persoa funcionaria valida o documento de instrucións previas, xa que as outras dúas opcións deberían ser residuais porque non facilitan o proceso, a vía notarial é onerosa e a das testemuñas pode ser inviable dada o escaso coñecemento deste dereito entre a poboación. A todas estas circunstancias, sumou os problemas que pode xerar viaxar da Mariña a Lugo, 1,5 hs en coche privado, tempo que se incrementa no transporte convencional ou as dificultades dun traslado dende O Courel a Lugo coa falta de transporte público.
Calquera persoa que tivera pasado polo proceso de acompañar a algún familiar nunha enfermidade crónica ou aguda que irremediablemente conduza á morte vendo a dor e sufrimento da persoa acompañada pode dar fe da soidade que se experimenta neste proceso, a tensión, a dor compartida, a desorientación que provoca non obter respostas ás preguntas de como mellorar minimamente a vida desa persoa, ou ben a dor que causa ter que tomar decisións sen ter clara a vontade da persoa enferma, nin que dicir ten a impresión que nos causaría preguntarlle á persoa suxeito da enfermidade como vive ese tránsito.
A deputada concluíu afirmando que é necesario garantir o dereito á información e apoio co aumento de recursos económicos para unha morte digna porque “os coidados paliativos” merecen outro debate e medidas e non podemos confundir ambas realidades.