O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas demandou instar ó Goberno do Estado a que retire o Real Decreto sobre as normas para a nutrición sostible dos solos agrarios e elaborar un novo texto que contemple “a realidade das gandarías de vacún galego” e se axuste á proposta da nova normativa europea de emisións industriais.
Ademais, na proposición non de lei defendida polo nacionalista, o BNG tamén reclamaba ao Goberno Galego determinar os aspectos do decreto que interfiren nas competencias de Galiza e tomar as medidas para corrixilos.
Pola súa parte, o portavoz popular, J.A Aramada Pérez tras coincidir co deputado do BNG coa “inviabilidade” do decreto en Galiza e que provocaría o peche de moitas explotacións anunciou o voto a favor á proposta do BNG.
Na defensa da iniciativa, Rivas sinalou que o día 5 de maio rematou o período de exposición pública do último intento do decreto que xa no 2020 tras a súa exposición pública “non se materializou” e desta vez aparece corrixido e trufado de “despropósitos" para a gandaría bovina de Galiza, Asturias e Cantabria.
Co obxecto de actualizar a Directiva europea sobre Emisión Industrias pero sen recollelas no texto, a Comisión europea recriminou ao Estado español non cinguirse as recomendacións sobre as emisións, a esta chamada de atención, o parlamentario nacionalista sumou “a presión” dos lobbies do porcino e dos abonos de síntese que pretenden culpabilizar a gandaría “desarticulada e condicionada polo cobro da PAC” e más facilmente “dobregable”.
Para o deputado, “as présas” non xustifican un texto sen documentación e información veraz, preñado de datos incompletos e sen atender as características propias da gandaría galega e da Cornixa Cantábrica. Carga a culpabilidade das emisións de amoníaco e nitratos sobre esta gandaría de vacún con terra na que son a práctica totalidade pequenas e medianas explotacións familiares.
A a quen protexe o MITECO?
O Real Decreto, ignora intencionadamente que as porcentaxes do porcino (44%) e dos abonos de síntese (20%) chocan frontalmente co 10% do vacún de leite do que Galicia ronda o 50% estatal, sendo en Galicia o de carne case inapreciable en emisións. A excepcionalidade que amosa o proxecto de 10has de superficie para pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo (Artigo 4. Requisitos Generales) afectaría ó 68% de tódalas explotacións galegas e do 90% das vacas.
O deputado cualificou de “absurda” esta medida e afirmou que existe unha “intención maliciosa” por parte do MITECO contra a realidade galega. Xosé Luís Rivas advertiu que de entra en vigor o Real Decreto representará “un golpe mortal” para a gandaría de leite e carne de Galicia e das gandarías da Cornixa Cantábrica con características e afectacións semellantes. Unha vez máis, reiterou, “a ignorancia temeraria, ou a defensa de intereses alleos ao sector por parte do Estado, para coas características edafolóxicas, climáticas, orográficas e de reparto da propiedade do país das galegas e dos galegos poñen en perigo os sectores de carne e leite de vacún”, que en maior medida manteñen vivas, economicamente activas e fixan poboación en amplas zonas do rural de Galicia, moi especialmente a gandaría extensiva de montaña.
O citado decreto obrigaría a implantar nestas explotacións gandeiras toda unha serie de requisitos para, teoricamente, controlar e racionaliza-lo uso de fertilizantes e xurros ditando normas restritivas que máis ben semellan adaptadas a zonas con afectación e declaración de vulnerabilidade.
Rivas reivindicou “menos dependencia dos concentrados, redimensionar as fosas, máis terras agrarias e impulsar a produción ecolóxica para reducir as emisións”.
O nacionalista concluíu a súa intervención asegurando que o Real Decreto non repara na extorsión das eléctricas e oligopolios dos combustibles, a brutal suba dos prezos dos insumos e fertilizantes, a inflación xerada e nunha situación de crise sen precedentes a todo o sector gandeiro galego.