O BNG acada o apoio da Cámara galega, a través dunha emenda transaccionada co Partido popular, para incluír na axenda postcovid a modernización da liña ferroviaria Vigo Porto como proxecto prioritario para Eurorrexión. A proposta aprobada por unanimidade e defendida pola deputada nacionalista, Alexandra Fernández inclúe modernizar a liña ferroviaria, entendida como traxecto de medida distancia que dá continuidade ao eixo Coruña-Vigo, redactar un estudo do conxunto da rede ferroviaria da área metropolitana de Vigo para a súa vertebración, impulsar o tramo Vigo-Porto á rede do corredor ferroviario de Mercadorías, impulsar a aprobación do proxecto da saída sur de Vigo, buscar unha alternativa ao paso do tren polo centro de Porriño, completar a electrificación a ambos lados do Miño, mellorar a seguranza no tramo e suprimir os pasos a nivel.
Ademais, o acordo acadado hoxe á instancias do BNG reclama ao Goberno español o incremento da oferta de servizos e horarios no traxecto Vigo-Porto, acometer a modernización dos vehículos que circulan por esta liña e solicitar as fases de execución da modernización da infraestrutura entre Vigo e o Miño, así como da saída sur de Vigo co obxectivo de que a conexión entre Vigo e O Porto, sexa dunha hora no ano 2030 en consonancia cos prazos marcados polo goberno portugués.
Na defensa da proposición non de lei, a nacionalista Alexandra Fernández denunciou o “desmantelamento encuberto” da liña ferroviaria Vigo Porto e reclamou unha “liña competitiva, moderna e rápida entre as dúas cidades fundamentais do Eixo Atlántico”.
Na nosa iniciativa, dixo a deputada, “plantexamos frear este desmantelamento e non renunciamos a resolver o problema estrutural de fondo. Resulta urxente a mellora do material rodante e o incremento de frecuencias, adaptadas á pandemia , así como mellorar a electrificación e materializar “nun único Eixo atlántico a liña Coruña e Lisboa”, recalcou.
Un modelo radial de Estado defendido por PP e PSOE
A parlamentaria do BNG explicou que o proxecto radial do Estado foi sempre continuo, “gobernase quen gobernase” e preguntou se hai alguén que poida crer que o deseño da alta velocidade e os prazos previstos non foron produto dun acordo “tácito” entre o Partido popular e o Partido Socialista. Para a deputada, “a alta velocidade resume o modelo radial e o boicot sistemático aos corredores litorais.” De aí, dixo, “o desmantelamento de vías como o FEVE ou Vigo Barcelona e Vigo Porto porque non pasan por Madrid”, e de aí a importancia do acordo acadado hoxe para modernizar a liña ferroviaria Vigo Porto e o impulso para a aprobación e construción do proxecto saída sur de Vigo.