O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei instando ao Goberno galego a cumprir co artigo 19 da lei de transparencia e bo goberno que establece a obriga da Xunta de Galiza a publicar no Portal de transparencia e Goberno aberto a relación dos acordos aprobados no Parlamento de Galicia que afecten as súas competencias, detallando a data de aprobación e o organismo competente para o seu cumprimento. Asemade, publicará aqueles acordos que a insten a dirixirse a outras entidades.
O acordo tamén recolle que a finais de cada ano, a Xunta de Galicia elaborará e publicará no Portal de Transparencia e Goberno aberto un informe respecto do grao de cumprimento dos acordos aprobados polo Parlamento nese ano.
O parlamentario explicou que no ano 2016 aprobouse a Lei de transparencia e bo goberno, que obriga á Xunta de Galiza a dar información sobre diversas materias, entre elas as relacións da Xunta co Parlamento de Galiza.
A Xunta privilexia con convenios a concellos gobernados polo PP
Bará explicou que a Xunta asinou “unha avalancha” de convenios co concello de Sanxenxo por valor de 2 millóns e medio de euros para a urbanización da rúa do progreso e un convenio co concello de Marín para a urbanización da estrada 546, con 1,3 MI€. Estas estradas percorren máis concellos pero curiosamente, dixo, “os convenios só se asinan con concellos gobernados polo Partido popular”.
Para o nacionalista, esta é a clave da “falta de transparencia” e un bo goberno debe ser “xusto e equitativo” para atender todas as demandas con criterios “claros e transparentes”.
Dende o BNG, reiterou Bará, “defendemos que as urbanizacións tamén se poidan facer en Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña, Poio e non só nos concellos gobernados polo Partido popular”.
O deputado tamén ser referiu aos contratos menores e denunciou “os datos desfasados do portal” que, ao seu xuízo debe ser un exemplo de transparencia.
Finalmente cualificou de “grave” a ocultación sistemática de información ao Parlamento, a través da solicitude polo artigo 9 como aconteceu coa solicitude do BNG sobre expedientes sancionadores tramitados pola Xunta de Galiza relacionados co incumprimento das visitas ao Pazo de Meirás dende o ano 2011, información que “aínda estamos agardando”. Tras relatar outros casos de ocultación de información, o parlamentario anunciou que o BNG estará vixiante ao cumprimento do acordo aprobado en comisión parlamentaria para o cumprimento da Lei de Transparencia.