Os tres grupos do Parlamento deron hoxe o seu apoio a unha iniciativa do BNG, defendida por Cristina Fernández Davila, para que a Xunta medie no conflito da planta de Madera Fiber Technologies no Porriño co fin de acadar unha solución á situación da empresa e manter os máis de cen postos de traballo que están en xogo.
Na mesma iniciativa, a Cámara insta á Consellería de Industria a reunirse cos representantes dos traballadores “en tantas ocasións como sexan precisas” e a incidir na busca de entidades que podan estar interesadas en investir na empresa, para conservar a unidade produtiva e os empregos.
Na defensa da súa proposición non de lei, Fernández Davila reclamou ao Goberno galego unha maior implicación na busca dunha solución para a planta de Madera Fiber Technologies no Porriño e os seus traballadores, vítimas directas, dixo dunha “trama ben organizada” para pechar a fábrica a custe cero. “Un grupo de persoas que se senten estafadas e mercadeadas en pro dos intereses da empresa inicial Faurecia cun fin claro: pechar a súa filial do Porriño e que isto lle supoña o custe máis baixo posible, cero se pode ser”, incidiu.
Para afondar na gravidade da situación, a deputada do BNG comezou relatando a historia “truculenta” da factoría, que a empresa da automoción Faurecia vendeu primeiro ao Grupo Callista Private Equitym por un euro e cunha inxección de capital de case tres millóns, e que logo de descapitalizala este fondo voitre alemán abandonou cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romana xestionada por Rüdiger Wisser, de RW Future Tech SRL.
Esta firma, explicou Fernández Davila, “deixa claro dende un primeiro momento a súa falta de interese en xestionar a actividade e si a súa venda ou peche”, polo que en setembro deste ano presentou un concurso de acredores “deixando a máis de cen familias do sur de Pontevedra sen emprego e pondo en evidencia o doado da trama multinacional: vender a empresa por un euro a un terceiro insolvente e evadir así responsabilidades económicas e de paso desprestixiar a empresa”.
Os traballadores están agora pendentes de coñecer unha sentenza que poida anular as subrogacións realizadas nestes últimos anos logo de que Inspección de Traballo constatase que houbo cesión ilegal dos postos de emprego, cuxa conservación a deputada do BNG considerou de vital importancia para a economía da zona.
Ao longo da súa intervención, subliñou, neste sentido, que existen arredor de duascentas familias vinculadas a esta empresa, que realiza os interiores de vehículos. “As comarcas nas que ten influencia económica esta firma no sur de Pontevedra son as de menor renda per capita anual segundo o Atlas de Distribución da Renda dos Fogares do INE”, apuntou a deputada, incidindo ademais nos baixos ingresos respecto aos rexistrados en cidades como Vigo, Santiago ou A Coruña.
Lembrou así mesmo que nos últimos anos están entrando en concurso de acredores empresas importantes para a economía da zona, como Maderas Iglesias ou Ganomagoga, ás que agora se suma Madera Fiber, de xeito que “pouco a pouco van deixando reducido o pouco tecido industrial da zona situando ás familias, na actual crise de prezos, nunha situación cada vez máis crítica”.