A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, acusou a candidato do PP, Alfonso Rueda, de non escoitar “o clamor” da xente do mar que se mobilizou este domingo en Santiago nunha auténtica “marea de dignidade” en defensa do sector e contra a xestión que está facendo o PP na crise da marea plástica.
“A mentira, a manipulación e a incompetencia está sendo a carta de presentación do PP nesta crise”, asegurou Pontón, que considerou “unha falta de respecto” e “un insulto á intelixencia” dos cidadáns que se mobilizaron en defensa do noso mar a valoración que sobre a manifestación fixo Rueda.
Pontón advertiu que a crise dos pellets é “a pinga que colmou o vaso dun sector que leva sufrindo quince anos de abandono do PP”, un sector que nos últimos tempos veu como perderon 700 embarcacións e 5.000 empregos, e que sufre ademais unha “caída brutal” na produtividade das rías, destacou.
“O verdadeiro ataque ao noso mar é un goberno que non escoita o clamor da súa xente, que abandonou o sector, un goberno que permite o vertido de auga contaminante da mina de San Finx á ría Muros-Noia, o goberno que non é capaz de coidar e rexenerar as nosas rías, o que diante dunha crise como a da marea plástica non se pon á fronte para dar solucións e alternativas”, declarou.
A candidata nacionalista comprometeuse a ser “a presidenta que se poña do lado da xente do mar e lle dea futuro a un sector fundamental na economía galega” e para iso anunciou que, se os galegos e as galegas lle dan a oportunidade de liderar o próximo goberno da Xunta, reclamará ao Estado a transferencia de todas as competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Co BNG na Xunta porase en marcha ademais un plan de recuperación e rexeneración das rías e os bancos marisqueiros, e medidas para eliminar e evitar os vertidos ao mar. “Quero ser a presidenta que lle dea futuro ao sector do mar”, subliñou.
Destacou, neste sentido, que a maioría social que quere cambio ten no 18-F unha oportunidade para facer historia, un cambio de ciclo que depende dun “puñado de votos”, asegurou botando man das palabras utilizadas esta fin de semana por Feijóo. “Por fin o PP dixo unha verdade: un puñado de votos poden cambiar a historia deste País”, asegurou, apelando á mobilización masiva e á concentración no BNG do voto de todos os galegos e as galegas que queren cambio.
“O cambio vaise decidir por uns poucos votos” e por iso é clave o apoio ao BNG, como única forza capaz de disputarlle a Presidencia ao PP, remachou.