A portavoz nacional, Ana Pontón, agradeceu a confianza dos máis de 460.000 galegos que votaron ao BNG nestas eleccións, acadando un “resultado extraordinario” que fai que a forza nacionalista sexa o “referente indiscutible do cambio”. “Hoxe volvemos superar o noso teito electoral cun resultado que nos coloca como a esperanza de todas as persoas que pensan que Galiza merece moito máis”, subliñou.
Insistiu en que o BNG sae destes comicios “consolidado, fortalecido e con máis ganas e máis empuxe que nunca para seguir defendendo este País e a súa xente”, destacou, tras agradecer o apoio recibido nas urnas.
“Grazas de todo corazón ós máis de 460.000 miles galegos e de galegas que hoxe confiaron no BNG e fixeron que conseguísemos un resultado histórico, un resultado extraordinario que fai que o Bloque Nacionalista Galego sexa a alternativa indiscutible ao PP”. A líder nacionalista tamén destacou que, pese a ter superado o 30% do voto ou a ter sido a forza máis votada en Vigo, o Bloque non logrou o obxectivo porque o reto era darlle a este País un goberno liderado polo BNG, darlle a este País o goberno do cambio.
“Sei que neste momento moitas das persoas que agora me escoitan poden sentirse decepcionadas, seino e quero dicirlles que as comprendo, porque sei a ilusión e a esperanza que miles e miles de galegos e de galegas despositaron en nós para lograr o cambio. Pero tamén quero dicirlles que esta campaña e este resultado electoral demostran que este País xa cambiou, que non hai marcha atrás porque hai unha cidadanía ilusionada, rebelde que non se conforma coa Galiza en pequeno que nos deixa o Partido Popular. Unha cidadanía que non se resigna a ver como Galiza vai a menos mentres outros avanzan”, subliñou.
Neste sentido, a todas as persoas que colleron a papeleta do BNG Pontón díxolles que o seu apoio “valerá para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas. Hoxe non acaba nada, ao contrario, estamos máis fortes, con máis enerxía e máis preparadas que nunca para darlle a este País o futuro que merece”, proclamou.
Pontón tamén agradeceu a militancia e simpatizantes do BNG a “gran campaña que quixemos facer desde o respecto aos contrincantes, en positivo, pensando na xente, desde a emoción e desde a razón, unha campaña que logrou ilusionar a miles de persoas ao longo e ancho do País. Esta organización ten a mellor militancia do mundo e nestas eleccións volveuse demostrar unha vez máis”, subliñou.
A líder do Bloque rematou cun emotivo agradecemento aos seus pais, Aurita e Luís, “por estar sempre aí, por transmitirme os seus valores e facer de min a persoa que hoxe son”, concluíu.