Así o manifestou logo da reunión que mantivo na Coruña coa representación sindical da empresa de atención telefónica Teleperformance -afectada pola perda de emprego debido á deslocalización do servizo da cidade- e na que, xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera, e a deputada Mercedes Queixas, trasladou todo o apoio do BNG a unha reivindicación que cualificou como “xusta”.
“É impresentable que nesta crise de prezos na que o lobby eléctrico se está forrando literalmente, non só o faga senón que ademais estea traballando para que se perda emprego que había localizado no noso País”, reprobou, para avanzar a continuación que o Bloque levará este tema ao Concello da Coruña o próximo xoves e ao Congreso e ao Parlamento galego, en canto se recupere a normalidade parlamentaria.
Segundo recalcou, “non podemos permitir que no medio desta crise se vaian a perder 90 postos de traballo na Coruña por unha decisión que o único que busca é o máximo lucro”, polo que apelou á responsabilidade das Administracións sobre o modo no que están actuando as eléctricas. “Xunta e Goberno central deben actuar para evitar este tipo de deslocalizacións e para que teñamos unha normativa que realmente protexa o traballo que hai no noso País e se garanta unha atención de calidade ás persoas usuarias do sistema eléctrico”.
Unha actuación que a líder nacionalista enmarcou no debate aberto sobre cal debe ser o modelo enerxético, unha vez que, segundo dixo, queda demostrado “o fracaso rotundo dun modelo no que o lobby eléctrico manda”, polo que insistiu na necesidade de ir cara a un novo modelo que cambie “as regras do xogo”. “Estamos vendo unha crise de prezos na que as eléctricas están tendo uns beneficios escandalosos e cada vez gañan máis porque hai unha regulación do mercado eléctrico que lles permite facer o que é unha estafa legalizada ao conxunto da poboación”, polo que avogou por levar o debate “máis alá” e “apostar por que o sector enerxético estea en mans do sector público”.
“Cremos que é unha cuestión fundamental”, incidiu, para insistir a continuación na creación dunha empresa pública de enerxía “que nos permita ese retorno ao País” e dunha tarifa eléctrica galega “que nos compense por ser unha zona na que se produce enerxía e na que, polo tanto, se nos compensen os custes sociais e os custes ambientais da produción enerxética”.
Pontón advertiu que a deslocalización de Teleperformance non só poderá supoñer a perda de 90 empregos senón tamén o deterioro dos dereitos das persoas usuarias, “que van a ver como a atención que esta empresa lles dá, diminúe, nun aspecto tan sensible como é o subministro eléctrico, onde xa había queixas e isto vai ir a máis”.
Por iso, fixo un chamamento ás Administracións “para que non miren para outro lado” porque, segundo recalcou, “hai unha responsabilidade e unha capacidade para presionar tanto á propia Teleperformance como a Naturgy”. “O mínimo é un pronunciamento por parte da Xunta e que se poña do lado dos traballadores e das traballadoras e non do lado do lobby eléctrico”, concluíu.