Parlamento Galego

Ana Pontón propón unha posición de país para que Galiza reciba un trato xusto nos orzamentos do Estado e no fondo COVID19

“Xogámonos o financiamento da reactivación económica e non podemos permitir que o centralismo se leve a parte do león e nos deixe migallas”

Acusa a Feixóo de agocharse detrás dos profesionais da sanidade e da educación cando son os que están salvando a incompetencia do Goberno

 

A reactivación económica vai precisar dun potente investimento público sen o cal as propostas da comisión parlamentaria terían escaso percorrido. Neste contexto, conseguir que Galiza reciba até o último euro que lle corresponde é vital e leva á portavoz nacional, Ana Pontón, a propoñerlle ao presidente da Xunta negociar unha posición de país nun asunto clave: o financiamento da reactivación económica de Galiza.

“Non queremos que a improvisación que o seu Goberno demostrou durante toda a pandemia no ámbito sanitario ou educativo se instale tamén no ámbito da reactivación económica, porque está en xogo o futuro dos galegos e das galegas”, alegou na sesión de control, “e para que haxa reactivación necesitaremos un investimento público potente e non podemos permitir que Galiza saia discriminada ou reciba menos do que lle corresponde”.

E esa posición de país debe concretarse nas dúas fontes de financiamento que xa están enriba de mesa: os orzamentos do Estado e a distribución do Fondo COVID19 europeo de 140.000 millóns de euros.

“Galiza non pode estar sen posición ante dous asuntos tan importantes, nun momento no que cada euro conta e nunha situación durísima con consecuencias moi graves no tecido empresarial, no emprego, nos salarios e en moitos sectores económicos do país” argumentou.

“E non se poden repetir que as contas do Estado nos veñan con novos recortazos porque xa tivemos abondo co recortazo de 442 M€ cos que se despediu Raxoi e co recortazo de 750 millóns de euros que nos preparaban PSOE-Podemos. E tampouco podemos permitir que no reparto de fondos europeos o centralismo madrileño se leve a parte do león e a Galiza lle toquen as migallas”, sentenciou.

Para evitalo, subliñou, “ter un unha posición de país nos daría forza nas negociacións ante o Estado e de paso, señor Feixóo, tería a oportunidade de demostrar que non ía de farol coa súa oferta de diálogo e consenso expresada nesta cámara”, expresou.

“Non vai haber reactivación económica sen recursos e ten que aclarar a quen vai apoiar, se aos intereses do centralismo madrileño representados na señora Ayuso ou quere conformar unha posición de país para que non se repite a historia dunha Galiza discriminada. Ofrecémoslle a man para traballar polo país así que deixe de facer de oposición da oposición porque se precisa un presidente e non un servidor dos intereses de Casado”, proclamou.

Pontón foi moi crítica coa xestión que o xefe do Executivo fixo durante a pandemia, en particular nas dúas cuestións nas cuestións máis sensibles como residencias, sanidade e educación, cunha actuación marcada polos bandazos, a improvisación e pola premeditada evasión de responsabilidades nun constante exercicio de botar balóns fora.

Feixóo ataca e desprestixia aos profesionais

E, sobre todo, reprochou a líder nacionalista, agochándose detrás dos e das profesionais que están, con seu esforzo e entrega, salvando a “incompetencia” do Goberno do PP. “Cada vez que se lle fai unha crítica á incapacidade do seu goberno reacciona atacando e desprestixiando aos profesionais, unha actitude totalmente deshonesta ante, por exemplo, un profesorado que está dando a cara traballando e deixándose a pel para sacar adiante a situación nos centros e ven aquí a atacalos.  É absolutamente deshonesto”, salientou, tras recomendarlle que dialogue coa comunidade docente e cos seus representantes sindicais.

Lonxe de ser esa a carta de presentación, -alegou-, “o que tería que facer é pedir desculpas precisamente aos profesionais da sanidade, do sistema educativo e aos pais e nais pola súa improvisación,  incapaz de iniciar o curso cun protocolo claro e coas máximas garantías, sigue instalado na mentira dos 6.000 rastrexadores e Galiza ten os peores datos en localización de focos de contaxio”, recriminou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG