Ana Pontón preguntará a Rueda no próximo Pleno pola reforma do sistema de financiamento

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil reclama na Xunta de Portavoces celeridade para pór en marcha a comisión que investigará, a iniciativa do BNG, os “chanchullos” do PP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará no próximo Pleno ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola reforma do sistema de financiamento e, máis en concreto, polas propostas que vai defender o goberno do PP para reclamar no Estado un sistema xusto con Galiza.

Así o anunciou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, que, tras a reunión da Xunta de Portavoces, considerou que o do financiamento é o “principal tema de debate político” nestes momentos, polo que non se entende que Rueda renuncie a abordar a reforma na reunión con Sánchez desta semana, “porque lle dixeron os seus xefes que non podía falar dun asunto de máxima relevancia política para o presente e o futuro do País”.

 “É lamentable que o presidente da Xunta se limite a render pleitesía a Feijóo poñendo por diante intereses electoralistas e as ordes do seu partido en Madrid en vez de defender os intereses dos galegos e as galegas nunha cuestión central como o financiamento dos servizos públicos”, asegurou a deputada do BNG en alusión á próxima visita á Moncloa do xefe do Executivo galego.

Rodil destacou que o actual sistema, que leva caducado dende 2014,  prexudica a Galiza, facéndolle perder ao País máis de mil millóns de euros cada ano. “Sabemos que no PP están en contra de todo o que propón o BNG, pero descoñecemos cal é a proposta do Goberno galego”, subliñou.

O BNG tamén interpelará no próximo Pleno ao Goberno do PP pola súa postura en relación ao “demoledor informe” do Consello da Cultura no que se advirte do “enorme prexuízo ambiental pero tamén socioeconómico” que tería para a comarca da Ulloa e para o conxunto de Galiza a instalación da megacelulosa proxectada por Altri.

“E escandaloso que a única resposta da Xunta sexa desairar un órgano asesor e estatutario como o Consello da Cultura, poñendo en dúbida a súa lexitimidade e a oportunidade, así como o aval científico do informe sobre unha cuestión que nos afecta a todos”, considerou Rodil, reclamando máis unha vez ao PP que deixe de actuar como “comercial de Altri” e defenda o interese xeral do País. “Que se poña do lado da sensatez, da comunidade científica, do Consello da Cultura e en xeral do conxunto da sociedade galega”, demandoulle ao PP.

No mesmo sentido, a viceportavoz nacionalista acusou ao Executivo de Rueda de estar “ausente” no que ten que ver cos problemas que está a sufrir os sectores produtivos do País. Neste sentido, avanzou que no Pleno se tratará unha iniciativa do BNG para reclamar prezos xustos en orixe para o sector leiteiro, posto que “producimos o 40% do leite de todo o Estado pero as gandeiras e os gandeiros galegos cobran en orixe menos que calquera outro territorio”.

“Se Rueda non ten nada que ocultar, presentarase voluntario”

Así mesmo, a formación nacionalista fará que o Pleno debata sobre a crítica situación que atravesa o sector do cerco despois de rematarse a cota da sardiña asignada nun sistema de reparto “absolutamente inxusto”. “Parece que todo leva á frota do cerco e ás artes menores dedicadas á sardiña a amarrar”, explicou a deputada, anunciando iniciativas do Bloque en defensa dun sector estratéxico para a economía galega.

Fóra da orde do día da sesión plenaria, o BNG aproveitou a reunión da Xunta de Portavoces para reclamar “celeridade e axilidade” na posta en marcha da comisión de investigación sobre os “chanchullos” do PP,  que se creará a iniciativa da formación nacionalista. “Queremos deitar luz sobre os chanchullos do PP na contratación pública, sobre como se están entregando a dedo cantidades inxentes de diñeiro público para beneficiar a empresas amigas do PP, sobre os máis de 1.300 contratos coa empresa que xestiona en Galiza a irmá de Feijóo, sobre o sobrecusto de máis de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro ou sobre a falta de transparencia nos contratos de emerxencia da pandemia”.

O BNG reclamou ao resto de grupos políticos que a comisión se constitúa “canto antes”, unha vez que o 23 de setembro remata o prazo para remitir a proposta dos membros que a van constituír.  Rodil pediu así ao PP que non “bloquee” a posta en marcha da comisión, permitindo que tanto as normas de funcionamento como o plan de traballo sexa aprobado canto antes.

“O que non pode ser é que esa comisión, polo obstrucionismo do Partido Popular, non cumpra coa misión para a que foi creada, que é  deitar luz e taquígrafos sobre unha cuestión fundamental como é que fai o Goberno do Partido Popular co diñeiro de todas as galegas e de todos os galegos”, subliñou. “ Se o señor Rueda non ten nada que ocultar, estou segura que quererá que a comisión traballe con celeridade e el mesmo se  presentará voluntario a comparecer diante dela”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG