A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu tender a man ao Goberno do PP para acadar “un gran pacto de país en materia de vivenda”, un dos grandes problemas que sofren “miles e miles de galegos e galegas, singularmente a xente moza”, para os que acceder a unha vivenda é “misión imposible” porque os prezos non son acordes aos salarios. Polo tanto, facilitar o acceso a unha vivenda é unha das prioridades do goberno alternativo do BNG.
Pontón abordou o problema da vivenda con responsables municipais do Bloque neste ámbito de actuación e, tal e como xa fixera no debate de investidura, propuxo ao Executivo de Alfonso Rueda un gran acordo de país ante unha “subida descontrolada” dos prezos do aluguer que, segundo advertiu a líder nacionalista, o Goberno do PP propiciou e amparou ao “dinamitar a política social de vivenda” e que se sitúa nun incremento medio en Galiza do 44% nos últimos dez anos, ata un 63% en cidades como A Coruña.
“Non coñezo a ninguén que neste tempo tivera un incremento do seu salario nin do 44%, nin do 66%”, reflexionou para, a continuación, criticar ao Executivo de Rueda non só a súa inacción fronte ao problema, senón que “nin sequera sexa capaz de xestionar os recursos e as axudas que en teoría ten”, en alusión á denegación da Xunta de axudas ao alugueiro que foron solicitadas en 2022.
“Un síntoma do desleixo, a incapacidade e a incompetencia do PP á hora de darlle solucións aos galegos e ás galegas” e unha mostra da súa “non política de vivenda”, resumiu Pontón, quen tamén se referiu á fenda xeracional que provoca o custe dos alugueiros, cunha mocidade que ten cada vez máis dificultades para independizarse.
De feito, segundo os datos do Observatorio da Xuventude, a taxa de emancipación xuvenil retrocede en Galiza, con 8 de cada 10 menores de 30 anos que continúan vivindo na casa familiar e cunha das taxas máis baixas de emancipación entre os 30 e os 34 anos. “Non é normal que unha persoa con 34 anos teña salario e non poida deixar de vivir na casa dos seus pais”, indicou para explicar que o da vivenda non é un problema individual, senón un problema social que condiciona “o modelo de sociedade que estamos construíndo”.
Por iso, a portavoz nacional ofreceu de novo un acordo de país articulado sobre tres eixos fundamentais, a comezar por incrementar o parque público de vivenda e priorizar a destinada a alugueiro. Neste sentido, recordou a “distancia sideral” entre a bolsa de vivenda pública que ten Galiza, un 3%, fronte á que teñen moitos países europeos que superan o 20%.
O obxectivo do BNG é dar prioridade no curto prazo á compra de vivenda baleira, rehabilitándoa de ser preciso e tendo en conta que na actualidade hai medio millón de inmobles baleiros no País, dos que 90.000 están concentradas nas cidades.
“Esta é unha medida máis rápida, que ten ademais un menor impacto medioambiental e polo tanto é tamén máis sustentable, e que pode permitir no curto prazo incidir dunha maneira directa en que miles de persoas poidan ter acceso a unha vivenda en aluguer a un prezo que estea acorde cos salarios que hai no País”, afondou para explicar unha iniciativa que non implica deixar de construír obra nova que, segundo subliñou, a Xunta debe seguir impulsando para destinar “exclusivamente ao alugueiro”.
En segundo lugar, a portavoz nacional avogou por “planificar as vivendas de uso turístico” porque “é evidente que están provocando unha forte distorsión dos prezos en moitas cidades e moitas vilas” e, en terceiro lugar, considerou fundamental que “a Xunta asuma as súas competencias en materia de vivenda e que deixe de derivar as súas responsabilidades aos concellos”.
Pontón referiuse así aos mecanismos que ten na súa man o Goberno do PP para intervir na suba de prezos dos alugueres como é a declaración de zonas tensionadas. “O que non poder ser é que queira derivar as súas responsabilidades aos concellos e ademais estea boicoteando na práctica que poida aplicarse unha medida que incida na suba de prezos que está asfixiando a miles de familias no noso País”, criticou.
Por último, defendeu a urxencia de dar cobertura ás persoas que están en situación de maior vulnerabilidade con medidas específicas por parte da Xunta, máis tendo en conta a brecha social que está a provocar o aumento dos prezos do alugueiro, tal e como advirten as organizacións que loitan contra a pobreza e que sinalan á dificultade de acceso á vivenda como un dos indicadores principais.
A líder nacionalista defendeu deste xeito as propostas que o goberno alternativo do BNG levará ao Parlamento en distintas iniciativas e que incluíu na proposta para acadar ese gran acordo de país en materia de vivenda, un acordo que considerou necesario, tal e como fixeron outros países europeos, porque “estamos falando das oportunidades que lles damos ás xeracións seguintes e tamén da sustentabilidade urbana e territorial do País”, concluíu.