Inmersos na pandemia do COVID, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a celebración do 25N para denunciar que “hai outra pandemia que afecta ás mulleres, de todas a idades, de todas as condicións, de todas as partes do planeta; unha pandemia que ten como como consecuencias a discriminación, a humillación, o maltrato físico e psicolóxico, a violencia, mesmo a asasinato, todo polo mero feito de ser mulleres. Esa pandemia chámase violencia machista”.
A líder nacionalista destacou que as mulleres sofre violencia machista mesmo nas sociedades que presumen de democráticas, “unha violencia constante, unha discriminación constante, un recorte constante dos nosos dereitos e das nosas liberdades, mesmo co agravante de que se nos chega a responsabilizar desa violencia”, denunciou Pontón, quen esgrimiu datos para demostrar a magnitude do problema.
O 35% das mulleres do planeta sufriron violencia física ou sexual, unha de cada tres, segundo a OMS; en España, o 50% recoñece ter sufrido algún tipo de violencia machista na súa vida, segundo o último informe do Ministerio de Igualdade e dous millóns de soportaron situacións de acoso nos últimos doce meses. No que vai de ano en España houbo 70 asasinatos machistas e 6.000 galegas sufriron unha agresión machista.
“Cada día, en cada lugar do planeta, as mulleres sofren violencia machista, son discriminadas no traballo, soportan acoso, cada día miles de mozas volven as súas casas simulando que falan polo móbil se é de noite, cada miles de mulleres son xulgadas por como visten, por como andan, por se van soas pola rúa”, denunciou Pontón.
Na loita contra esta violencia todas e todos son necesarios, por iso a campaña do BNG deste 25N apela á complicidade dos homes para que non calen ante o machismo. “Amigos, compañeiros de traballo, pais, irmáns, parellas, precisamos dos mozos e dos adolescentes porque para avanzar na igualdade e na liberdade da metade da poboación, precisamos a implicación da outra metade”, explicou.
Porque a violencia de xénero hai que combatela en todos os niveis e en todos os contextos: na relación de parella, nas redes sociais, nas relacións persoais, familiares ou de amizade, no entorno laboral, no entorno do ocio.
A líder nacionalista destaca os avances, sobre todo grazas a loita incansable do movemento feminista que, no caso de Galiza, está dando un exemplo e implicación e mobilización, pero hai que ir máis rápido e para iso o Bloque presentou un decálogo de medidas contra as violencias machistas.
A primeira é ter máis recursos, destinar o 1% do orzamento, -116 M€-, e desenvolver a Lei galega de violencia, ademais do compromiso do BNG para blindar o financiamento do Pacto do Estado ante calquera recorte.
Segundo, ampliar a cobertura das axudas e crear mecanismos de compensación incluíndo a equiparación coas vítimas de terrorismo a efectos de indemnizacións. Terceiro, educar en igualdade cun plan de educación afectivo-sexual para todas as etapas educativas. Cuarto, impulsar á rede de acollemento incrementando prazas e planificando a súa xestión integramente pública.
Quinto, ampliar a rede de centros de información con tres medidas: cobertura en todo o territorio, reforzar os medios nos CIM e a rede de puntos de encontro e impulsar un regulamento na prevención e detección de posíbeis situacións de violencia.
Sexto, despatriarcalizar a xustiza, apostando pola formación dos axentes que interveñen na cadea xudicial; ampliar os espazos nos xulgados habilitados para situacións de violencia e dotar ás cidades dun xulgado específico. Sétimo, gratuidade da atención xurídica. O punto oitavo parte da evidencia de que un maltratador non é un bo pai e por iso hai que combater a normalización do inexistente “síndrome de alienación parental” como recomenda a OMS e o CXPX.
Noveno, sanidade pública libre de violencia obstétrica e posta en marcha de dous centros de referencia para a interrupción voluntaria do embarazo. Finalmente, documentar o alcance e a evolución da violencia machista coa realización periódica de informes e estudos que axuden a acertar na toma de decisións e na aplicación de políticas.