Municipais 2023

Ana Pontón insta á mocidade a ser motor de cambio real o 28M para empezar a construír unha nova Galiza concello a concello

Acto A Laracha
Acto A Laracha

Critica que nin Feijóo nin Rueda tivesen un minuto de romaría para pedir a dimisión de Baltar: “Ou non poden ou aceptan o seu comportamento”

O BNG vai romper as enquisas como fixo nas eleccións galegas, augura

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de presentación da candidatura do BNG en Laracha, encabezada por Carolina Castiñeiras, unha candidatura que combina experiencia e renovación e que inclúe moita xente moza. Precisamente á mocidade interpelou a líder do Bloque para que sexa motor do cambio galego nas vindeiras eleccións municipais.

“Quero facer un chamamento á mocidade de cara ao 28 de maio para que sexa factor de cambio e de transformación para conseguir concellos con máis oportunidades, para que participe activamente para gañar unha nova Galiza, concello a concello, que deixe de expulsar aos seus mozos e mozas. Coa forza da mocidade podemos conseguir que Galiza tamén sexa un país para a xente nova, porque sabemos que o futuro pasa porque a xuventude quede aquí e aporte todo o seu potencial e capacidade”, explicou.

“Unha mocidade que tamén se xoga moito e que ten dereito a que este País lle ofreza oportunidades de futuro para quedarse, porque Galiza non pode avanzar sen a súa xente moza”, recalcou.

Parte dese futuro pasa polo acceso á vivenda, imprescindible para poder emanciparse e formar os proxectos de vida, alegou, “pero o que temos é un Goberno do PP que dinamitou a política de vivenda protexida mentres os prezos non deixaban de medrar, ano tras ano, temos un presidente da Xunta desconectado da realidade da mocidade con 16.500 galegos e galegas esperando por unha vivenda protexida”.

Os datos avalan as críticas da portavoz nacional ante un Partido Popular “que goberna para unha minoría, por iso entre 2014 e 2018 só puxo unha vivenda protexida en alugueiro, mentres os prezos subiron de media un 30% nas cidades, desde o BNG apostamos pola creación de vivenda protexida sobre todo en alugueiro e por mobilizar o parque de vivenda baleira para que os mozos e mozas poidan emanciparse e ter un futuro”.

A portavoz nacional volveu referirse ao caso Baltar e ao silencio absoluto que onte mantiveron tanto Rueda como Feijóo sobre o feito de que o presidente do PP en Ourense, e tamén presidente da Deputación, fose multado por conducir en coche oficial a 215 quilómetros por hora, incorrendo nun presunto delito contra a seguridade viaria.

“Onte na romaría do PP nin se falou de vivenda, nin se falou de Baltar. Feijóo e Rueda non tiveron nin un minuto para desculparse antes os galegos e as galegas, nin para esixirlle responsabilidades, nin para pedirlle a dimisión, e o que nos preguntamos é se o señor Baltar manda máis que Feijóo e Rueda e por iso calan e miran para outro lado ante uns feitos inaceptables dun cargo público convertido nun perigo para a seguridade viaria usando un coche oficial sen que se saiba que axenda institucional xustifica a viaxe con fondos e recursos públicos”.

A situación é “insostible” para Rueda, indicou, que debe esixir a dimisión do presidente do PP de Ourense. “Rueda ten que aclarar se non lle pide a dimisión porque está de acordo co comportamento de Baltar ou porque manda máis ca el”, recalcou.

Preguntada polas enquisas publicadas hoxe, a líder do Bloque indicou que sempre as analiza con prudencia “porque os mesmos ingredientes segundo como se cociñen dan resultados diferentes”.

Mostran tendencias, “e no caso do BNG mostran que é unha forza en alza e a opción de referencia para todas as persoas que queren un cambio político, esa cidadanía que nos deu a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP. Vexo nos actos e nas rúas que medra a corrente de simpatía cara o BNG e estou convencida de que o 28M imos superar todas as enquisas como xa fixemos nas pasadas eleccións galegas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG