Ana Pontón: “É esperpéntico que os Franco leven a xuízo a Carlos Babío por denunciar as mentiras do franquismo”

Encontro memoria
Encontro memoria
Traslada todo o apoio do BNG a un referente na loita pola memoria histórica e advirte que detrás das ameazas están os pozos negros do franquismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera unha anomalía que nunha democracia consolidada un demócrata poida ser levado a xuízo polos herdeiros dun ditador, como sucederá mañá mesmo co historiador e activista pola memoria histórica, Carlos Babío, concelleiro do BNG en Sada e coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio.

“É un esperpento, o mundo ao revés no que un demócrata vai ser xulgado en pleno século XXI por dicir que Franco é un ditador e que o Pazo de Meirás foi roubado ao pobo galego cando os que deberían ser xulgados son os herdeiros do ditador”, alegou Pontón, quen recibiu no Parlamento a Babío para trasladarlle toda a solidariedade, apoio e recoñecemento do BNG, nun encontro que compartiu co portavoz parlamentario de Memoria histórica, Luís Bará, e co ex alcalde de Sada, Abel Soto.

“Toda a solidariedade, apoio e recoñecemento pola súa aportación na loita pola recuperación da memoria histórica onde é unha figura central”, subliñou Pontón, quen indicou que a investigación realizada en colaboración con Manuel Pérez Lorenzo “foi esencial para as causas xudiciais contra os herdeiros do ditador polo que hai que ver estes ataques como un intento de silenciar a súa voz e a das persoas que loitan para que se coñeza a verdade”.

Neste sentido, Pontón indicou que as amezas só servirán para reforzar a loita a favor da dignidade, xustiza e reparación: “Se o que pretenden os Franco é amedrentarnos van conseguir todo o contrario, dar máis azos e máis forza para seguir loitando contra os pozos negros do Franquismo”, recalcou, tras destacar que Galiza está sendo “a punta de lanza contra o Franquismo”, e a investigación de Babío plasmada no libro citado “é un exemplo de como desmontar as mentiras da ditadura e o pacto de silencio que seguiu coa Transición”.

Son activistas como Carlos Babío ou colectivos como a Iniciativa galega de recuperación da memoria histórica, co apoio e o recoñecemento da maioría social,  os que sacaron adiante unha investigación que deixa ao descuberto a verdadeira cara do franquismo e as súas consecuencias neste País.

“Ten todo o apoio do BNG e penso que tamén de toda a sociedade que quere verdade, xustiza e reparación. Agradecemos o seu traballo, a súa valentía e a súa aportación tan importante á recuperación da memoria histórica en Galiza”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG