galegas 2024

Ana Pontón compromete un plan de recuperación das rías e un seguro público que cubra as perdas eventuais da produción marisqueira

Encontro en Ribeira
Encontro en Ribeira

“Quero ser a presidenta que traballe man a man coa xente do mar para que Galiza siga sendo referente nun sector estratéxico na nosa economía”, asegura

Avanza en Ribeira que un goberno do BNG declarará Galiza libre de eólica mariña, porque primar os intereses das eléctricas suporía un golpe mortal para o sector

Denuncia a incompetencia e a falta de transparencia do PP na crisis dos pellets: “Aínda agardamos que remitan ao Parlamento o informe sobre toxicidade”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse este mércores a traballar “man a man” co sector do mar “para que Galiza siga sendo un referente pesqueiro e marisqueiro pola extraordinaria calidade dos nosos produtos”. “Quero ser a presidenta do goberno que defenda o noso mar, que enfronte os seus problemas e que poña en marcha políticas para recuperar a actividade e os empregos perdidos nos últimos anos”, asegurou.

Pontón reuniuse esta mañá en Ribeira con representantes do sector para escoitar de primeira man os problemas que afrontan e darlles a coñecer algunhas das medidas que porá en marcha como presidenta se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria para elo. Anunciou así que unha das súas prioridades será aprobar un plan estratéxico de recuperación das rías financiado con recursos propios da Xunta pero tamén con fondos do Estado e da UE.

Encontro en Ribeira
Encontro en Ribeira

Para contrarrestar a “baixada alarmante” de produtividade das rías, comprometeuse ademais a crear un seguro público que cubra as perdas eventuais dun sector estratéxico para a economía galega, que supón o 4,8 % do PIB e que xera 64.000 postos de traballo directos. Un sector ao que, sostivo, o PP “lle deu as costas” con políticas nefastas que provocaron a súa perda de peso e de emprego e unha baixada na produtividade “drástica e continuada” contra a que o Bloque propón así mesmo o impulso de hatcheries públicos ou mixtos en colaboración coas confrarías.            

Crear o “mellor consorcio científico de estudo e coñecemento do mar de toda Europa”, aglutinando no mesmo a centros de investigacións, universidades e sector, é outra das medidas que o BNG contempla no seu programa de goberno, que inclúe tamén a creación dunha sociedade mixta comercializadora para a promoción e venda do produto galego, explicou Pontón.

A candidata do BNG adiantou, no mesmo sentido, o seu compromiso coa xente do mar de crear unha marca propia para os produtos galegos que permitiría identificar na etiquetaxe a súa procedencia. Na mesma liña, subliñou a aposta por impulsar as denominacións de orixe protexidas e pola promoción internacional dos produtos do mar, aos que tamén se lle daría un maior peso dentro das políticas de compra pública para aumentar a súa presenza en comedores escolares, residencias ou hospitais, precisou.

Pontón advertiu contra os intereses económicos que se agochan detrás dalgunhas das políticas postas en marcha nos últimos anos en prexuízo da xente do mar e, en concreto, referiuse ás grandes enerxéticas que “queren ocupar con muíños de vento os principais caladoiros do noso País”.

“Quero deixar claro que se eu son presidenta Galiza vai ser declarada libre de eólica mariña, porque suporía un golpe mortal para o sector”, destacou, comprometéndose a reclamar a paralización do POEM deseñado polo Goberno do Estado “en complicidade” coa Xunta e do PP, “que quere entregarlle o noso mar ás eléctricas”.  

Tras o encontro dos representantes do mar, a candidata nacionalista referiuse á crise da marea plástica “na que comprobamos de novo que as nosas costas non están seguras”. “Temos un goberno do PP que non aprendeu dos erros do pasado” e que aplicou “punto por punto” o nefasto protocolo do Prestige, ocultando o problema, minimizándoo, intentando “botar balóns fora” e “utilizando a propaganda e a manipulación sen ningún tipo de escrúpulos”. “Aínda agardamos que remitan o informe sobre a toxicidade dos pellets ao Parlamento”, alertou.

“En vez de poñerse á fronte e liderar a resposta fronte á crise dos pellets, o único que fai o PP é intentar tapar a súa neglixente xestión”, reprobou, ao tempo que amosou a súa diposición a ser a presidenta que diga a verdade dos galegos e lidere a resposta ante desastres como o que se está a vivir nas praias galegas.  

Neste punto, un dos seus compromisos se chega á Presidencia da Xunta será reclamar as competencias de salvamento e loita contra a contaminación mariña e dispor de máis medios para protexer o litoral.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG