A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou que acude ao encontro co presidente da Xunta coa “man tendida” e coa mellor das disposicións para chegar a consensos a favor de Galiza, reunión á que asiste cunha axenda de prioridades centrada en catro asuntos: crise de prezos, sanidade, coidado das persoas maiores e modelo eólico.
En relación á crise de prezos, a líder do BNG propón mobilizar 700 M€ para apoiar ós colectivos sociais máis impactados, as PEMES e ás persoas autónomas, con medidas concretas. Para as persoas e familias con menores ingresos: subir o complemento autonómico das pensións non contributivas; aumentar a prestación da RISGA e facela compatible coa prestación do IMV e incrementar as axudas para gastos básicos de vivenda.
No referente ao ámbito económico, habilitar axudas directas para os sectores máis afectados pola subida dos prezos, evitando a produción por debaixo de costes. O segundo asunto clave da reunión é a sanidade, coa proposta dun plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria do colapso, “tendo en conta que aínda hoxe primaria ten 47 millóns de euros menos que en 2009 y que o investimento en Galiza está por debaixo da media do Estado”, explicou a líder nacionalista.
A atención ás persoas maiores figura tamén na axenda de temas urxentes remitida ó presidente da Xunta, cunha proposta concreta para avanzar nun modelo de coidados que garanta unha vellez digna: xestión pública das sete residencias proxectadas nas cidades.
Nun momento en que se está definindo o sistema enerxético do futuro, o BNG leva unha proposta para reconducir o actual boom eólico especulativo e depredador por un modelo de enerxía eólica xusto no económico, no social e no ambiental, aproveitando a tramitación de centos de proxectos para reconducir o modelo.
Pontón reiterou a vontade e compromiso do Bloque na defensa de Galiza en todos os ámbitos competenciais: aquí, ante Madrid e ante Bruxelas e, neste sentido, pide ás forzas estatais “seriedade” para que PP-PSOE non repitan a “pinza” en contra de Galiza supeditando a súa posición á estratexia partidistas.
“Todo o apoio do BNG para defender unha axenda galega no Estado, pero é importante actuar con seriedade e non pode ser que esta axenda sexa un paripé para PP-PSOE e, neste sentido, é importante que defendan en Madrid o mesmo que defenden aquí porque levamos moitos anos vendo como a posición de voto das forzas estatais cambian en función de quen se senta na Moncloa. Non necesitamos é que se repita unha pinza PP-PSOE en contra dos intereses de Galiza”, advertiu.
Neste sentido, Pontón destacou que o Bloque defendeu unha axenda galega ante goberno do Estado “desde o minuto cero”, como fixo co acordo de investidura, ao que se debe a histórica rebaixa das peaxes da AP9, “exemplo de como traballamos en positivo a favor dos galegos e das galegas”, subliñou. A portavoz nacionalista indicou tamén que a recente reunión da comisión de seguimento dese acordo tivo como resultado a luz verde a tres xulgados específicos de violencia machista, en Santiago, Lugo e Ourense, que precisan do apoio unánime do Parlamento e, por iso, a líder do BNG levará a petición de apoio do PP a estes tres xulgados á reunión co presidente da Xunta.