A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a CONXEMAR para trasladar o apoio do BNG á demanda do sector de aplicar un IVE mínimo do 4% ao peixe. Tal é así, explicou, que o Bloque ven de conseguir o apoio do Parlamento a unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reclamar ante o Goberno central a aplicación do IVE súper reducido aos produtos do mar.
“Galiza é unha nación pesqueira polo que esa medida sería moi beneficiosa tanto desde o punto de vista dunha alimentación saudable como tamén desde o punto de vista económico dun sector que é clave para o País pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego directo”, salientou Pontón desde o IFEVI, onde fixo un percorrido pola feira acompañada polos organizadores.
A líder do Bloque afondou na súa argumentación a favor desta medida, alegando que é máis necesaria ca nunca neste momento de crise, “pola caída dos ingresos en moitas familias”, o que dificulta o acceso a un produto que é “esencial” nunha alimentación equilibrada. Neste sentido, o BNG defende un IVE súper reducido para o peixe, “porque axudaría a mellorar a alimentación dos sectores máis vulnerables e da poboación en xeral, e axudaría a recuperar un sector que tamén está moi afectado pola crise”, alegou.
No países europeos do entorno, hai moitos exemplos de IVE ao peixe inferior ao que se aplica en Galiza, como é o caso de Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal e Inglaterra, que non aplica este imposto ao pescado.
Unha das leccións que deixa a pandemia é a importancia de producir alimentos de calidade, que teñan garantías na súa trazabilidade. Esa calidade é unha garantía para a saúde da poboación e os produtos do mar son parte esencial da dieta atlántica e dunha alimentación saudable.
A líder do Bloque trasladou os seus parabéns aos organizadores de CONXEMAR, certame de referencia con 21 anos de celebración, escaparate e punto de encontro dun sector que aglutina a máis dun cento de empresas galegas e xera miles de postos de traballo directos, “unha lonxevidade acorde coa fortaleza do sector do conxelado de produtos do mar para Galiza, con empresas referentes tanto dentro como fora das nosas fronteiras”, concluíu Pontón.
Na visita guiada da man dos responsables da feira, a líder do Bloque puido coñecer as últimas novidades e innovacións do sector nun percorrido polos stands no que tamén participou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; e as deputadas por Vigo Carmela González e Alexandra Fernández.