Ana Pontón afirma en Bueu que os gobernos do BNG son sinónimo de “bos gobernos”

Presentación Bueu
Presentación Bueu

Na proclamación do candidato á Alcaldía de Bueu, convidou a todas as persoas que levan a Galiza “na cabeza e no corazón” a participar” do proxecto do BNG

Félix Juncal anima a Bueu a seguir avanzando co BNG e non volver á “falta de transparencia e opacidade” dos gobernos do PP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe en Bueu, que “os gobernos do BNG son sinónimo de bos gobernos”.

No acto de presentación do candidato do BNG, á alcaldía do concello de Bueu, Félix Juncal, a portavoz nacionalista destacou a grande capacidade de Juncal para liderar o proxecto do BNG dende a alcaldía e para iso, dixo, non fai falta máis que ver a “grande transformación deste concello” dende que goberna o Bloque.

Neste sentido, engadiu que todos os cambios realizados dende o goberno municipal foron dirixidos a “mellorar as condición de vida dos veciños e veciñas de Bueu”, e tamén  polo orgullo de pertencer a este lugar.

A portavoz nacionalista apelou á experiencia do candidato para seguir avanzando e sabedes, dixo, “que o bloque é unha organización política seria, con proxecto e comprometida con Bueu”. É importante que, a partir do mes de maio do 19, sigamos coa capacidade para construír un Bueu mellor, e que todos eses votos sirvan para “frear o grave proceso de involución democrática” que estamos vivindo en todo o Estado español pero tamén deben servir para “frear a irrelevancia política á que nos conducen as forzas estatais”.

Os votos do BNG, recalcou, “son o mellor antídoto para parar os pes ao Partido popular”, que está xogando coa saúde das persoas. O  grave problema na sanidade pública é responsabilidade de Núñez Feixóo, “o grande  privatizador e recortador da Sanidade pública galega”.

Pontón non escatimou críticas ás políticas do Partido popular e ao Feixóo que cualificou de “Terminator” da sanidade. Temos que cambiar o rumbo de Galiza e para facelo, contamos cun proxecto “sólido, unido e disposto a poñer por diante os intereses de todos os galegos e galegas,  ese proxecto é o BNG”.

Pontón convidou a participar deste proxecto  a todas esas persoas que teñen “a Galiza na cabeza e no corazón”, a todas esas persoas, dixo, disconformes co que está acontecendo neste momento pero que, sen embargo, non perderon a confianza en que os galegos e galegas “temos todo por gañar”.

A líder do BNG reiterou que a alternativa non vai vir de forzas estatais. “Comprobámolo na Moción de Censura a Raxoi, un debate no que Galiza non existiu, no acordo entre o  PSOE-Podemos-En marea, Galiza tampouco existe”.  Houbo  un momento no que se escoitou falar do noso país, no debate  da transferencia da AP-9, unha lei  elaborada polo BNG “dende a primeira a última liña”. Nós facemos o traballo, e outros “poñen a jeta”, manifestou.

 Galiza necesita un cambio, e ese cambio vai vir da man do BNG. A portavoz nacional  Ana Pontón, aproveitou o acto de presentación do Félix Juncal  como candidato á Alcaldía de Bueu para declarar que renovar o liderado do actual rexedor “é a garantía para que Bueu siga avanzando e non se paren os grandes logros conseguidos por Juncal  e toda a súa equipa”.

O BNG SACOU A BUEU DA PARADA CARDÍACA E DO ÚLTIMO VAGÓN

Félix Juncal, que aspira  a revalidar o liderado na alcaldía de Bueu tras doce anos de goberno municipal,  afirmou que o BNG demostrou o seu compromiso durante todo este tempo para conseguir que Bueu saíra da “parada cardíaca” na que se atopaba. Conseguimos, dixo, “reanimar Bueu” e se contamos co voso apoio seguiremos avanzando neste camiño.

Juncal lembrou que o BNG, hai 12 anos, atopou un concello “condenado ao último vagón” pero fomos quen,  de erradicar a falta de “transparencia e opacidade” e iniciar proxectos como o da piscina municipal. Un proxecto,  que xa é unha realidade a pesar  de existir un  protocolo entre o concello e a Xunta para o seu financiamento no ano 2009 que non foi cumpriu.  Sen embargo,  o goberno municipal do BNG, conseguiu poñelo en marcha grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra gobernada polo PSOE e o BNG.

O Partido popular castigou durante anos o noso concello mentres apoiaba outros  proxectos na comarca pero nós, dixo Juncal, “somos resistentes” e pouco a pouco imos conseguindo poñer en marcha outro modelo de concello. “Presentámonos ás vindeiras eleccións cos deberes feitos e coa ilusión do que queremos facer para mellorar as condición de vida das nosas veciñas e veciños”

No concello, atoparedes a un BNG “comprometido” e actuando dende  o goberno para todas e todos vós. Seguiremos poñendo todo o noso esforzo para conseguir un espazo Multiusos no Auditorio, e  traballando tamén para  que Costas do Estado aposte polo paseo marítimo.

O candidato do BNG anunciou que o novo goberno municipal reclamará  a Portos de Galiza “unha actuación integral” no fronte marítimo para poñer a disposición da cidadanía espazos públicos.

Finalmente, Juncal amosou a súa confianza en que o  BNG poida, despois de 12 anos,  continuar  transformando Bueu para convertelo nese concello que todos os veciños e veciñas “queremos e merecemos”. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG