Dez anos de Goberno de Feixóo, ningunha transferencia, tampouco a competencia de tráfico e seguridade viaria que o BNG reclamará no Congreso a partir do 28 de Abril da man de deputadas como Carme da Silva. O obxectivo: aplicar unha xestión acaída á realidade do país e poñer coto a unha sinistralidade viaria que na última década arroxou un tráxico balance de 1.300 vítima mortais.
A portavoz nacional, Ana Pontón, xunto coa candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, elixiron a N-550 ao seu paso pola cidade do Lérez, -un dos moitos puntos negros das estradas galegas-, como exemplo da urxencia desta competencia.
“Demostramos en Pontevedra que outro modelo é posible, referente internacional en materia de seguridade viaria, e queremos que este modelo se estenda, por iso reclamamos a transferencia das competencias en seguridade viaria, que xa teñen Euskadi e Catalunya, para mellorar en prevención e en calidade as estradas do país”, indicou a dirixente nacionalista.
En aras desa seguridade viaria, o Bloque tamén demanda a transferencia das autoestradas para acabar cunha “desatención” do Estado que fai que a maior parte dos puntos negros estean en vías galegas, e tamén para poñer fin a unha discriminación do Estado que no caso da AP9 xa resulta unha “tomadura de pelo”.
“Onte tivemos un novo exemplo no Congreso da inutilidade das forzas estatais para Galiza, pois vimos como o nacionalismo vasco conseguiu en 24 horas a transferencia a AP68 que PP primeiro e PSOE agora negan a Galiza no caso da AP-9”, denunciou, despois de ver tamén como as forzas estatais “poñían 4.000 M€ para rescatar as radiais madrileñas e cero para rescatar aos galeg@s da estafa da AP-9”.
“Estou convencida que esta indignación que hoxe compartimos moitas persoas en Galiza vai sentirse nas urnas o 28A en contra desta nova tomadura de pelo. Que fan eses deputados e deputadas das forzas estatais que son incapaces de conseguir ningún avance para Galiza? Está claro que necesitamos ter forzas políticas propias porque isto co BNG, con Carme da Silva no Congreso, non pasaría. É unha vergoña que as forzas estatais sempre teñan un NON para Galiza”, concluíu.
Neste sentido, a candidata Carme da Silva comprometeuse a reclamar no Congreso a transferencia en tráfico e seguranza viaria e, mentres non se materializa, os orzamentos e as propostas para reducir o número de accidentes nas estradas galegas. Sinalou que as medidas do Estado non funcionan, pois hai un incremento na cifra de sinistros, e propuxo aplicar o ‘modelo BNG’ de seguranza viaria que puxo en marcha o Concello de Pontevedra con éxito: en oito anos, cero vítimas mortais.
Carteis de Fomento
En concreto, Da Silva explicou que a situación de perigosidade da N-550 ao seu paso polo nó do Pino en Pontevedra é dificilmente corrixible porque non existe circunvalación a Pontevedra e a AP9 ten unha “portaxe carísima” que obriga os condutores a circular por esta vía de forma masiva. “Por non facer o investimento na A-57 e por non liberar de portaxe a AP-9 soportamos tráficos nesta estrada ou na estrada de Vilaboa inasumibles para vías destas características”, explicou.
“Hai coñecemento suficiente para mellorar a seguranza e non se está a facer”, destacou Da Silva, para denunciar que Galiza concentra o maior número de treitos máis perigosos do Estado. Unha realidade á que o Ministerio de Fomento responde colocando carteis de advertencia: “Poñer carteis non é a solución. A solución é evitar a perigosidade dese treito reducindo tráficos, calmando velocidades e dando tratamentos urbanos ás travesías”, concluíu.