Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Seguiremos denunciando na Eurocámara a falta de saneamento da auga todas as veces que sexan necesarias”

Ana Miranda no enconro das Conchas
Ana Miranda no enconro das Conchas
A eurodeputada do Bloque visitou o encoro das Conchas, afectado pola contaminación de cianobacterias

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño, Ana Miranda, comprometeuse a seguir denunciando na Eurocámara a falta de saneamento dos ríos e encoros galegos “todas as veces que sexan necesarias” até acadar ese saneamento imprescindible para protexer o medio ambiente do noso país. “É inadmisible a contaminación por cianobacterias que existe no encoro das Conchas desde hai anos e denunciada continuamente pola veciñanza e os colectivos ecoloxistas”, sinala a eurodeputada galega, quen visitou a zona xunto a deputada no Parlamento Galego, Sonia Vidal.

“Estamos diante dun novo exemplo de incompetencia do goberno galego do Partido Popular, que leva anos sen preocuparse polo saneamento das augas”, manifestou Ana Miranda, quen critica que ao PP non lle importa “o máis mínimo” o medio ambiente nin desenvolver unha xestión axeitada dos puríns que producen as granxas na Baixa Limia. Lembrou que este problema foi denunciado no Parlamento Europeo en diversas ocasións e que coa Directiva de Emisións Industriais, recentemente aprobada, “será obrigatorio que a Xunta teña que cumprir coa limpeza das augas e restauración dun ecosistema vivo do que toda a comarca podía estar disfrutando”.

“Hai que conciliar a agricultura co medio ambiente”, defendeu a eurodeputada do Bloque, quen sinala ademais que esta contaminación do encoro das Conchas supón un “claro incumprimento da Directiva Marco da Auga”, que establece un marco xurídico para protexer e rexenerar a auga e para garantir o seu uso sostible a longo prazo. “Esta directiva di que hai que ter encoros e ríos depurados, algo que non se está a facer por parte da Xunta de Galiza”, apunta Miranda.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento Galego, Sonia Vidal, denunciou que aínda non se puxo en marcha o plan estratéxico da Limia, que segundo indicou “leva un tempo no caixón pero podería ser unha solución para este problema do encoro e da comarca da Limia”. Sinalou tamén que os gandeiros e agricultores tamén tiñan propostas para solventar o problema da Limia, que non se tiveron en conta.

Feira do Viño do Ribeiro

Tras visitar o encoro da Conchas, a xornada da eurodeputada nacionalista inclúe unha visita á Feira do Viño do Ribeiro, en Ribadavia, xunto a concelleiros e concelleiras da comarca. “Temos que apoiar a tradición vitivinícola tan importante desta comarca, así como recoñecer o esforzo e traballo dos produtores que elaboran uns viños de gran calidade”, salientou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG