A eurodeputada BNG, Ana Miranda, recolleu hoxe a súa acta como eurodeputada electa nas eleccións europeas do pasado 9 de xuño. “Desde a Eurocámara defenderei os intereses de Galiza e as causas xustas da humanidade”, subliñou a eurodeputada galega, quen destacou que na vindeira lexislatura o fará “con máis forza se cabe, grazas ao gran apoio que recibimos das 180.000 persoas que nos votaron o pasado 9 de xuño”.
Ana Miranda afirmou que desde o escano do BNG no Parlamento Europeo defenderá os sectores produtivos, tanto o sector pesqueiro e agrogandeiro fronte a quen defende os lobis enerxéticos “que pretenden espoliar a nosa terra”. “Nós seguiremos dicindo Altri non, non coma outros, non como o PP que impulsa un modelo depredador do noso territorio nin como o PSOE, que un día di unha cousa e o seguinte a contraria”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen fixo referencia ás máis das 30.000 persoas que onte en Compostela dixeron Altri Non.
Ademais deste proxecto que o PP quere instalar en Palas de Rei tamén fixo referencia á AP9, “outro exemplo da incoherencia de outras forzas políticas e a coherencia do noso traballo continuo e sen descanso na defensa dos intereses dos galegos e galegas”. Neste sentido, Miranda destacou que o escano do BNG en Bruxelas “seguirá sendo o escano que defende os intereses de Galiza, libre, sen intermediarios, xa que ao único que lle temos que dar contas é ao Pobo Galego, non coma outros que teñen que pedir permiso e que defenden unha cousa en Madrid e outra en Galiza.
Outra forma de facer política
A eurodeputada galega salientou que o Bloque é “a forza coherente, que defende o mesmo en Galiza, en Madrid ou en Bruxelas, porque só nos debemos ao Pobo Galego”. “Nós temos unha forma diferente de facer política. Fronte aos que só se preocupan de enlamar a política, das liortas madrileñas e as manipulacións, nós comezamos xa a traballar nesta nova lexislatura con honradez, dignidade e polo noso pobo que nos elixiu”, destacou.
Miranda agradeceu ás persoas integrantes das diferentes delegacións que viaxaron a Bruxelas para trasladar os diferentes problemas que sofre a sociedade galega, -representantes de diferentes causas como a loita contra Altri, os afectados polas preferentes, polo despoboamento ou pola contaminación mariña, entre outras-, e avanzou que o escano do Bloque seguirá sendo a voz galega en Europa e seguirá dando voz aos colectivos que se senten desprotexidos e precisan apoio nas súas demandas.