Ana Miranda comprométese a seguir impulsando iniciativas para protexer o patrimonio cultural da Casa de Galicia

Miranda Mujica Topolanski
Miranda Mujica Topolanski
A directiva da entidade trasládalle á eurodeputada do BNG a súa preocupación polo futuro do legado social e histórico

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro coa directiva da nova entidade A Casa de Galicia, xurdida da unión dos socios do antigo centro Casa de Galicia co obxectivo de recuperar a obra cultural e o patrimonial. Na reunión, os representantes da nova entidade trasladáronlle a súa fonda preocupación polo futuro do panteón e o destino da Santiña (obra emblemática de Asorey), no que consideran unha “afronta ao patrimonio cultural e social”.

Ao longo da reunión, a directiva de A Casa de Galicia agradeceu tamén o traballo do BNG nas distintas institucións para salvagardar este patrimonio e a eurodeputada do Bloque comprometeuse a seguir presentando iniciativas encamiñadas a protexer o patrimonio levantado hai máis dun século cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos que tiveron que abandonar Galiza buscando novas oportunidades. “Desde o Bloque seguiremos impulsando iniciativas para protexer este legado”, salientou Miranda.

AMiranda A Casa Galicia
AMiranda A Casa Galicia

Tras a súa fundación, a antiga Casa de Galicia converteuse nun lugar emblemático, xa que foi onde se creou o Consello de Galicia, é dicir, o goberno galego no exilio. Ao longo de máis dun século de funcionamento, esta institución converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural.

O seu desmantelamento, ademais de afectar ao patrimonio cultural e social tamén repercutiu nos eidos sanitario e laboral, coa distribución de arredor de 45.000 usuarios e usuarias en varias aseguradoras e máis de 3.000 traballadores e traballadoras, nun proceso no que os socios non foron consultados na toma de decisións e simplemente recibiron un sms informándoos da intervención xudicial, pola que un xuíz ordenaba a disolución da entidade.

Congreso do Movemento de Participación Popular

Por outro lado, Ana Miranda participou no Congreso do Movemento de Participación Popular (MPP), no que se definiu a estratexia para as vindeiras eleccións presidenciais de 2024, coa presentación do precandidato Yamandu Orsi, no obxectivo de facerlle fronte á dereita que está desmantelando o país e agravando os índices de pobreza e exclusión social. No marco do congreso mantivo un emocionante encontro co expresidente de Uruguai, Jose Mujica, e a exvicepresidenta e exsenadora, Lucia Topolansky. “No Congreso do MPP trasladei a lealdade e o apoio do BNG na súa loita por un cambio de Goberno de esquerda no País irmán”, salientou a eurodeputada do Bloque.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG