parlamento europeo

Ana Miranda asume unha vicepresidencia de Eurolat, a Asemblea paritaria Euro-Latinoamericana

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada galega integra as Delegacións de Palestina e Brasil, ademais das Comisións de Pesca, Peticións, Desenvolvemento e Política de Cohesión

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, exercerá a responsabilidade de vicepresidenta de Eurolat, a Asemblea paritaria Euro-Latinoamericana, organismo internacional composto por 150 parlamentarios de países europeos e latinoamericanos. Ademais, nesta nova lexislatura da Eurocámara a eurodeputada galega formará parte das Delegacións de Palestina e de Brasil.

“É unha honra saber que como eurodeputada do BNG asumirei unha vicepresidencia de Eurolat, precisamente pola importancia que ten a nosa emigración, a nosa diáspora, e tamén pola nosa relación en moitos partidos e políticos do continente latinoamericano”, manifesta Ana Miranda, quen explica que é unha decisión do grupo parlamentar no que se integra o BNG na Eurocámara.

Estas responsabilidades que exercerá Ana Miranda únense ao seu traballo na defensa dos intereses de Galiza como integrante titular na Comisión de Pesca e coordinadora da Comisión de Peticións. Así mesmo Miranda é coordinadora na Comisión de Desenvolvemento (DEVE) e integrante substituta na Comisión de Política de Cohesión (REGI).

Como integrante de todas e cada unha destas comisións e delegacións, a eurodeputada do BNG fará unha férrea defensa dos intereses de Galiza en Europa e no mundo, pero tamén das causas xustas da humanidade. “Como eurodeputada galega comprométome a seguir os temas na Comisión de Agricultura, na de Medio Ambiente, na de Emprego, e a seguir todas as problemáticas que afecten ao noso país, porque somos a voz galega en Europa”, subliña Miranda.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG