A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández recriminou á Xunta a incompetencia na súa xestión para promover vivenda pública cando 16.000 familias, inscritas no Rexistro de demandantes, agardan por unha vivenda protexida.
A parlamentaria do BNG, interpelou á conselleira de Vivenda, Ánxeles Vázquez ante o grave problema de miles de persoas que non poden acceder a unha vivenda mentres a consellería continúa cunha campaña de “propaganda falsa” que estendeu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda por anunciar “1.800 novas vivendas públicas ” en pleno período electoral, a pesar de que en “8 anos só lograron incorporar 22 vivendas públicas”. agora Agora, dixo, pretenden convencernos de que en 3 anos serán 1.800 vivendas.
Este anuncio, afirmou a deputada, non resulta “moi críbel” e lembrou que prometen as vivendas para 2026, “pero non asumen ningún compromiso para esta lexislatura”. Desta maneira, poden axitar o anuncio en eleccións, e se gañan volve directamente para o caixón e se perden pois tampouco van ter que render contas por non ter feito nada antes.
Nesta liña, a deputada do BNG preguntou á titular de Vivenda, Ánxeles Vázquez si pode comprometerse a concretar cantas vivenda vai facer até final de lexislatura e cantas serán este ano. Pola súa parte, a conselleira declinou responder aos datos esgrimidos pola nacionalista limitándose a amosar as fotografías de dous edificios. Agardo, dixo, Alexandra Fernández que na próximo intervención non me responda cos dúas fotos ou é que non pode ofrecer ningún dato concreto e por iso bota man das fotografías, inquiriu.
A nacionalista reiterou que durante 14 anos o goberno do Partido popular, dinamitou a vivenda protexida e recalcou que se produciu unha “parálise total” iniciada no ano 2015 con 5 novas vivendas protexidas, 4 no 2016, 5 no 2017 e 2 no 2018, os mesmos anos nos que a Xunta tiña en marcha o Plan de vivenda onde se recollía expresamente a necesidade de facer vivenda protexida para as 15.000 familias que solicitaban vivenda protexida.
“Vostedes sacan plans para facer propaganda pero logo a realidade é hai anos en que apenas houbo 2 vivendas para as 15.000 familias en espera”. Este son os datos que vostede non pode negar, recalcou.
Se acceder a unha vivenda protexida é unha lotería, acceder a unha vivenda protexida de promoción pública é practicamente imposible.
A deputada explicou que o concepto de vivenda protexida computa baixo o mesmo paraugas que vivenda pública e vivenda de promoción privada con prezos limitados.
É como se computamos como “educación protexida” a suma da educación pública e a concertada de forma conxunta e por iso, a pregunta relevante é cal é a situación da vivenda protexida de promoción pública? A vivenda pública é a máis solicitada,
o 82% dos demandantes de vivenda protexida da Xunta solicitan vivenda de promoción pública pero tamén é “a máis abandonada pola Xunta”, apenas o 2% do total de vivenda protexida nos últimos 7 anos foi de promoción pública.
En total, resumiu, houbo a miserable cifra de “22 novas vivendas de promoción pública en 7 anos para 13.500 solicitantes”. Con este ritmo de investimento, as familias que se inscriben hoxe quizais obteñan unha vivenda dentro de 4.000 anos.
O PP anuncia 1.800 vivendas públicas para 2026 en campaña electoral
“En 8 anos lograron incorporar 22 vivendas públicas e pretenden convencernos de que en 3 anos serán 1.800 vivendas”!. É imposible que fagan 1.800 vivendas se non hai orzamento e se non se executa. En 2021 tiñan orzamentada unha partida para a construción de VPP con apenas 7,75 M€. O máis grave é que só executaron 4 M€. En 2022 orzamentaron 6 M€ e executaron 3M€. Alguén pode crer que con este ritmo de investimento vostedes van construír 1.800 vivendas públicas en 2 anos e medio?
Vostede, dixo a nacionalista tras a intervención de Ánxeles Vázquez, leva ocupando o cargo en materia de vivenda 5 anos. E despois de todo ese tempo “é incapaz de presentar un só programa, un só indicador positivo”.
“Destruíu a vivenda protexida, recortou o orzamento, os poucos programas que creou foron todos un desastre porque os resultados se contaban cos dedos das mans e incluso os programas que viñan do Plan estatal foron boicoteados, ao non ordenar as convocatorias.
Agora que estamos ás portas dunhas eleccións é momento de sacar peito do feito, sería lexítimo que tratasen de remarcar os éxitos, pero non os teñen. “Vostede ten as mans baleiras, non ten folla de servizos que presentar” e ten que moverse “nese baleiro que creou”.
Na súa intervención, a deputada do BNG asegurou que Vázquez intenta buscar ocupas por todos os lados e está tan desesperada que até lle pagou cartos da Xunta a unha deputada do PP de Castela a Mancha para que lle fixese “un informe sobre ocupación”. Pagou con cartos públicos un informe que era un copia e pega dunha iniciativa parlamentaria do PP de Castela a Mancha, e que nin lle pasaron o típex ás mencións ao Partido socialista de Castela á Mancha.
Dende o BNG pedimos que se comprometa a dicir “cantas vivendas vai ter listas para 2023? Con que investimento e onde. Porque vostede pediu esta semana a dimisión da Ministra de transportes por facer falsa propaganda coa vivenda, eu pregúntolle que vai facer vostede logo de facer o mesmo con este anuncio de 1.800 vivendas?
Que ten que facer vostede logo de entregar unha rendición de contas do anterior Plan de Vivenda corrompida a esta cámara para ocultar que prometeron 900 vivendas públicas neses 6 anos e fixeron 14? Que ten que facer vostede logo de deixar totalmente colapsado o Rexistro? Que ten que facer vostede, despois de prometer 3.000 vivendas co programa Rexurbe a pasada campaña electoral e non superar os vinte inmobles rehabilitados. Que ten que facer vostede cando incumple os orzamentos que promete ano tras ano? concluíu a nacionalista.