A secretaria de política Internacional e portavoz en Bruxelas do BNG, Ana Miranda, foi recibida no aeroporto de Santiago por unha nutrida representación política da formación nacionalista pero, sobre todo, co arroupe dun gran número de militantes, simpatizantes e persoas a prol da causa do pobo palestino, despois de ser deportada polo goberno de Israel tras interceptar o barco Marianne, -que formaba parte da flotilla pola liberdade-, que navegaba rumbo a Gaza, en protesta polo bloqueo e o réxime de apartheid que sofre a poboación destes territorios cercados e ocupados.
Miranda, que fixo un relato do acto de piratería internacional perpetrado polo réxime de Tel Aviv, demandou a inmediata liberación dos activistas que aínda están retidos por Israel, e reclamou ao Estado español que adopte medidas contra o apartheid que sofre o pobo de Palestina, -en particular na cadea a ceo aberto na que se ten convertido o territorio ocupado de Gaza-, a mans do estado que preside Benjamín Netanyahu.
Non logramos romper o bloqueo, pero logramos romper o cerco informativo e manter a dignidade, subliñou Miranda, tras arremeter contra o Estado pirata e asasino de Israel, capaz de reter ilegalmente un barco que levaba axuda humanitaria ao pobo palestino. Agardamos que o Estado español tome accións contra esta captura e secuestro ilegais e, sobre todo, contra o apartheid que sofre o pobo palestino. Non tivemos medo e hai que continuar traballando pola liberación do pobo palestino, recalcou.
O portavoz nacional, Xavier Vence, amosou a alegría e o orgullo do BNG polo coraxe de Ana Miranda na defensa dos dereitos dun pobo sometido por Israel, un goberno matón que actúa impunemente ante a indiferenza da comunidade internacional. Témola de volta san e salva despois de todo o ocorrido, e demandou do Goberno español que denuncie e actúe contra o Estado de Israel por un acto de piratería contra unha flotilla que pretendía chegar pacificamente a Gaza con axuda humanitaria.
Vence subliñou que é unha indignidade que se acepte desde a UE a condena a unha vida de miseria ao pobo palestino na súa propia terra e, aínda por riba, se lle impida recibir axuda humanitaria como proba o acto de piratería contra o Marianne. Desde o BNG, como sempre, plena solidariedade co pobo palestino e con todos os pobos que loitan pola súa liberdade e dignidade e, neste caso, expresámolo con absoluta clareza coa participación de Ana na flotilla da liberdade, concluíu.
Miranda expresou, en nome do BNG, un caluroso agradecemento e todos os colectivos e organizacións, en particular BDS Galiza, e persoas a título individual