BNG reclama ao Goberno do Estado un Plan para fixar as bases dunha transición xusta no sector dos carburantes

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego sinala a falta de políticas públicas que garantan a continuidade de milleiros de postos de traballo no sector de carburantes na Galiza

O deputado urxe un plan de reindustrialización e aposta pola utilización de biocombustíbeis como combustíbel de transición até conseguir os obxectivos marcados de mobilidade eléctrica.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado aprobe no prazo de tres meses un plan de actuación co obxectivo de fixar as bases para unha transición xusta no sector dos carburantes e biocarburantes que terá que contar coa participación de todas as organizacións sindicais e axentes sociais. Nese plan, a formación nacionalista adianta que deberá incluír as previsións e medidas necesarias para a transformación das refinerías en biorrefinerías e apostar polo biocombustíbel como combustíbel de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Coa aplicación do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030, o principal risco deriva da posta en marcha deste proceso “sen ningún tipo de transición social xusta, sen alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo”. De facto, o impulso da necesaria transición enerxética, no momento actual sen alternativa, “ameaza a continuidade de distintas empresas dedicadas ao sector dos carburantes na Galiza e a súa desaparición suporía a perda de milleiros de postos de traballo, tantos directos como indirectos”.

Nesta situación, exemplifica o deputado do BNG, atópase a planta de Repsol Petróleo S.A. na Coruña que ocupara “730 postos de traballo de maneira directa e serve para o mantemento doutros 200 postos, como mínimo, indirectos”. Mais, a pesar da gravidade da situación descrita, pode constatarse a inexistencia de políticas públicas, tanto por parte do Goberno do Estado como por parte da Xunta de Galiza, para dar continuidade a estes postos de traballo, lograr unha transición xusta e garantir a reindustrialización do País.

“O BNG considera imprescindíbel que se acometa un Plan de actuación no sector para permitir a transformación das refinerías e a súa transición cara á utilización de biocombustíbeis” explica Néstor Rego. Este Plan debe contar coa participación necesaria das centrais sindicais máis representativas, así como do resto de axentes sociais implicados “e conseguir a transición do sector”.

Por outra banda, Rego considera necesario que no Plan se inclúan as previsións e medidas necesarias para a transformación das refinerías en  biorrefinerías, así como a transición cara aos biocombustibles de segunda xeración con materias primas sostibles buscando as sinerxias con outras industrias para a elaboración de  subproductos. Ademais, deben realizarse “as reformas legais e regulamentarias necesarias que permitan condicionar a prestación de axudas públicas e a concesión de autorizacións, concesións e adxudicacións de MW só a aquelas empresas do sector afectado que garantan a continuidade do emprego”.

“É urxente constituír unha mesa de traballo neste sector na que abordar as medidas para adoptar que impidan que a reconversión se converta nunha verdadeira demolición, evitando que se reproduza o  que  está a suceder nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industriais da Galiza, onde se impulsan cambios no modelo enerxético sen formular alternativas” reivindica o deputado nacionalista.

A falta de políticas públicas é “a que permite que sexan as empresas as que dirixan o proceso de transición en función dos seus propios intereses, sen asumir responsabilidades e sen preocuparse pola destrución de postos de traballo”. Rego conclúe apuntando que “a  transición  enerxética  debe  impulsarse decididamente, pero iso non pode supoñer a destrución de miles de postos de traballo e levar a comarcas enteiras a unha desertización industrial”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG