BNG acadou un acordo unánime no Parlamento galego que formaliza o apoio técnico e económico da Xunta de Galiza co Circo de Artesáns. Asemade, a proposta defendida pola portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, inclúe a “colaboración da Xunta nos actos dos 175 aniversario da fundación da ‘Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña”.
Queixas celebrou un acordo, que ao seu xuízo, “chega con retraso tendo en conta o legado que representa a entidade cultural, social e benéfica” que naceu baixo “a inspiración dos principios emancipatorios da Ilustración”.
A parlamentaria afirmou que a historia da “casa do pobo coruñés”, denominada por Uxío Carré Aldao, o “Ateneo da Galiza”, converteuna “nunha institución emblemática e fundamental da Coruña e de grande influencia para resto do noso país”.
Na memoria do Circo de Artesáns, explicou a nacionalista, permanecen as pegadas das figuras máis relevantes da cultura galega e española: Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Santiago Casares Quiroga, Castelao,, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lugrís Freire, Ramón Suárez Picallo, Armando Cotarelo, Valentín Paz-Andrade, Ramón Pérez Costales, o “Médico Rodríguez”, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Wenceslao Fernández Flórez, María Barbeito, Roberto, Sofía Casanova ou Pi i Margall, entre outros.
Tamén participaron intelectuais internacionais como o francés Georges Duhamel e a chilena Gabriela Mistral.
Grazas ao Circo de Artesán foron creadas institucións benéficas, como a “Cociña Económica” ou as “Escolas Populares Gratuítas”.
Durante 174 anos, a entidade organizou numerosas exposicións de pintura, representacións teatrais, proxeccións cinematográficas, debates, concertos, recitais de poesía, xogos florais, cursos, viaxes, banquetes, bailes sociais e festas populares.
O Circo de Artesáns, recalcou a deputada, tamén foi participe dos comezos do feminismo e as súas pioneiras e precursoras como: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals (“A Marquesa Vermella”), Amparo López-Jean, María Barbeito, Celia Brañas, Filomena Dato, Sofía Casanova, Carmen de Burgos e María de Maeztu que interviron no seu Salón de Actos.
Portugal e a súa cultura estiveron presentes con Bernardino Machado, o ex-presidente da República Portuguesa e o filósofo Leonardo Coimbra e no Circo formouse “a primeira orquestra sinfónica da Galiza” en el desenvolveron actividades musicais, Pascual Veiga ou Castro Chané.
O teatro independente, explicou Mercedes Quixas, tamén deu os seus primeiros pasos con Manuel Lourenzo e neste lugar, “naceu a primeira Universidade Popular” para formar a persoas traballadoras da cidade, a Academia Galega, a Asociación da Prensa da Coruña -a máis antiga das galegas-, as Irmandades da Fala e a Agrupación Cultural “O Facho” así como moitos dos monumentos existen grazas aos recursos económicos dos socios do Circo entre os que destacou, o de Concepción Arenal, o de Eduardo Pondal, o de Daniel Carballo e o dos “Mártires” na vila de Carral.
A Biblioteca do Circo de Artesáns conta “cuns 15.000 volumes, moitos deles do século XIX” e unha extensa documentación que se atopa en “estado de abandono” e que precisa do seu ordenamento e catalogación informática.
Historiadores imprescindíbeis, como o recentemente falecido Xosé Ramón Barreiro Fernández, refírense nos seus libros ao Circo como “unha entidade esencial da Galiza nos tres últimos séculos”.
A parlamentaria concluíu as súa intervención, amosando a súa satisfacción polo acordo unánime acadado na Comisión de Cultura para establecer un marco de colaboración entre a Xunta e a entidade co fin de poñela en valor e nos actos de celebración do seu 175 aniversario.