A portavoz parlamentaria do BNG afirmou que mentres o presidente da Xunta sae cada día no telexornal presumindo de ser o campión da recuperación económica, no último ano a taxa de pobreza en Galiza aumentou un 25%, e hoxe hai 702.000 persoas en risco de exclusión social que non chegan aos 600 euros ao mes.
Ana Pontón preguntou hoxe a Núñez Feijóo en que está pesando para falar de recuperación económica e se realmente se acaba crendo as súas propias mentiras. Vostede, dixo, chegou á Xunta aupado en mentiras e esas mentiras son as mesmas que o van a quitar do goberno en outubro.
A semana pasada, explicou a portavoz do BNG, mentres vostede andaba polo Caribe, en Galiza coñeciamos os últimos datos de pobreza que o deixan a vostede espido. Si, os do INE, dixo, os do INE do goberno de Rajoy, non vaia pensar que a fonte que lle cito é esa organización revolucionaria que lle dá tantos disgustos e que se chama Cáritas.
Ana Pontón sinalou que no último ano a taxa de pobreza en Galiza aumentou un 25%, e hoxe hai 702.000 persoas en risco de exclusión social, 702.000 persoas con nome e apelidos que non chegan aos 600 euros ao mes.
A pobreza tamén afecta ás persoas traballadoras
A portavoz parlamentaria explicoulle a Feijóo que estar en risco de exclusión social significa que moitos país e nais non poden encher a neveira, nin prender a calefacción. Que cada vez que lles chega unha factura da luz, da auga, do gas, se lles pon o corazón na boca pero vostede, recalcou a nacionalista, non sabe do que lle estou falando, porque desde Montepío non ten nin idea do que lle costa a miles de familias deste país, facerse cargo cada mes destes recibos e desde esa ignorancia, persiste en presumir de ser o campión da recuperación e proclama a saída da crise.
Pero hai máis, engadiu Pontón, a pobreza non só afecta ás persoas que cobran a RISGA, nin aos parados e paradas que non reciben ningún ingreso porque esgotaron todas as axudas. A pobreza, tamén afecta ás persoas que traballan grazas ao novo perfil creado polo Partido popular: persoas que teñen traballo pero son pobres porque cobran salarios de miseria que non lles permiten chegar a fin de mes.
180.000 persoas cobran 2.000 euros ao ano, o que Feijóo cobra nunha semana
A portavoz parlamentaria afirmou que en Galiza hai 180.000 persoas que traballan por un ingreso anual que non chega a 2.000 euros. Todo un ano de traballo e non son capaces de xuntar 2.000 euros señor Feijóo, o que vostede cobra nunha semana.
Esta é a gran innovación social das políticas do PP, persoas que traballan, pero son pobres e nunha Galiza cada vez máis desigual, onde os salarios non deixaron de caer, ano tras ano, desde que vostede chegou a Xunta en 2009 polo que volveu a preguntar ao presidente en que Galiza está pesando para falar de recuperación económica, ou é que realmente se acaba crendo as súas propias mentiras?.
Feijóo sae cada día no Telexornal presumindo de ser o campión da recuperación económica
Tras a reposta de Núñez Feijóo que afirmou que a taxa de pobreza era maior no ano 2009 que na actualidade e que mentres en España a taxa sube en Galiza baixa, a portavoz nacionalista replicou que pode torturar todo o que queira as estatísticas pero a realidade na que viven miles de persoas e a que acabo de describirlle e non muda a pesar das súas mentiras e propaganda. Vostede o que lle ofrece a toda esta xente é máis do mesmo porque con vostede non hai esperanza, aínda que saía cada día no Telexornal presumindo de ser o campión da recuperación económica.
Os datos confirman que Galiza está en emerxencia laboral e social
A parlamentaria tamén mostrou a Feijóo dúas gráficas cos datos do paro dos que dixo, dende o inicio da crise en Galiza emigraron máis de 100.000 persoas e a poboación activa non deixou de caer.
O dato que debe ter en conta señor Feijòo, recalcou Pontón, é que desde que vostede chegou a Xunta hai 100.000 ocupados menos menores de 35 anos, só contando os de 35 anos. Así que teña a decencia de aforrarnos a súa propaganda por respecto ás miles de persoas que neste país buscan desesperadamente un emprego e non o encontran.Cómo non imos ter un problema demográfico? Como van ter fillos os 100.000 mozos e mozas obrigados a emigrar porque aquí non teñen futuro?, apostilou.
A portavoz parlamentaria concluíu a súa intervención reiterando que Feijóo chegou á Xunta aupado nas mentiras pero esas mesmas mentiras son as que o van a quitar do goberno en outubro. Na rúa xa non lle compran a súa propaganda, a xente normal e corrente deste país, non sofre o síndrome de Montepío, porque sabe o que costa chegar a fin de mes.