O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Fransico Jorquera, pediu esta tarde nun mitin en Allariz o voto dos sectores tradicionalmente afectos ao PP porque Feijóo usa as maiorías absolutas para traizoalas.
Logo de expresar o seu orgullo por estar entre os máis de 700 alaricanos e alaricanas que ateigaron o pavillón de deportes, lembrou que Allariz é un referente, un modelo de para que pode servir un goberno do BNG en todo o País e unha cuna tamén de persoas que xa son referencia de nacionalismo, como Anxo Quintana, Alfredo Suárez Canal e Francisco García.
Jorquera asegurou que o PP está nervoso porque se xoga a maioría por poucos votos por iso cada voto é decisivo e por iso non son tempos de frivolidades, senón de responsabilidade.
O candidato nacionalista explicou, tal e como xa fixera pola mañá en Monforte, que xa se sabe a que conducen as maiorías absolutas do PP, tanto en Madrid como en Galiza, a que o Partido Popular sexa impune para aplicar máis recortes, para non ter que chegar a acordos no Parlamento, para facer todo o contrario do que promete.
Sectores arruinados
As políticas do PP están arruinando a moitos sectores sociais que até o de agora votaban maioritariamente o Partido Popular, como son os autónomos, os pequenos empresarios, os comerciantes ou os pensionistas, por iso lles pido que se sumen ao cambio que representa o BNG.
O candidato do BNG explicou que ante esta realidade, ante un presidente Feijóo cun balanzo de xestión desastroso, é tempo de participar non de inibirse e de facelo de forma responsábel, apoiando á única forza política que pode facer posíbel o cambio real que Galiza precisa.
No BNG temos un proxecto de País, frente ao programa de sumisión de Feijóo, un proxecto aberto que queremos construir entre todos, no que participe toda a sociedade. Porque Galiza é un grande País hai que votar a quen cre no Pais, o BNG.
Jorquera referiuse especialmente á mocidade, para que non fique na casa e se implique porque tamén está en xogo o seu futuro, para evitar que teñan que emigrar unha vez rematados os seus estudos e para asegurar que poidan facer eses estudos, a igualdade de oportunidades á hora de formarse frente á política do PP que quere volver aos tempos nos que só podían estudar os ricos e nos que se separaba nenos e nenas nas aulas.
A chave desas eleccións -concluiu- é converter o descontento social maioritario co PP en enerxía eleitoral o próximo Domingo 21 de Outubro.
Tereixa Paz
Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, afirmou que Allariz responde ao BNG porque o BNG sempre responde a Allariz e a toda Galiza , por iso é preciso un cambio no País que veña da man do BNG para facer frente ao peor goberno da historia e ao seu presidente mentirán.
"Galiza non se pode permitir catro anos máis de demolicións Feijóo -engadiu-, un goberno que empeza segregando nenos na escola e acaba como Castelao Bragaña, facendo auténtica apoloxía do terrorismo machista".
Allariz puxo o peche a unha xornada que Jorquera comezou cun mitin en Monforte e continuou na provincia de Ourense, cun mitin noutro concello gobernado polo BNG como é Castrelo de Miño.
Xunto ao alcalde nacionalista, Xurxo Rodríguez, e a cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, Jorquera reiterou a necesidade de concentrar o voto nacionalista e de esquerdas para frear ao PP, tanto a Feijóo na Xunta como a Rajoy para que non poida ter un cheque en branco para poder seguir cos seus brutais recortes.
http://youtu.be/cwCrYDTetPA