Ana Pontón reclamaba que no marco da reforma da lei Orgánica do Poder Xudicial sexa requisito para as funcións xurisdicionais en Galiza o dominio oral e escrito da Lingua galega
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei destinada a impulsar, no marco da Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que se fixe como requisito o dominio oral e escrito da Lingua galega para as funcións xurisdicionais.
A parlamentaria lamentou o voto en contra do Partido popular anunciado polo deputado Agustín Baamando que defendeu o dereito dos usurarios/as e representantes da Xustiza a manifestárense ao mesmo nivel en galego e español e respectar as opcións lingüísticas individuais.
Para a deputada, a resposta de Baamonde reproduciu os vellos esquemas contra o idioma galego que recordan cunha certa verticalidade, aquela dunha España, grande e libre, concepto de nación que o PP aplica así como principios que resultan corrosivos contra a Lingua galega.
A parlamentaria explicou que cando no Estado se esixe o coñecemento do español é un acto de liberdade pero se en Galiza se esixe o coñecemento do galego para o Partido popular , é unha atrocidade.
Nós, afirmou, defendemos que na Reforma da lei Orgánica do Poder Xudicial para exercer a adxudicatura en Galiza se coñeza o galego e preguntou ao portavoz popular se estaría dacordo en que non se esixira o coñecemento do español en Madrid, e se lle parecería ben que viñera aquí un xuíz inglés que necesitara un interprete para exercer. Agora ben, recalcou, que á lingua galega se lle esixa o mesmo status que a lingua castelán para vostedes reiterou, é unha atrocidade.
A deputada tamén preguntou ao grupo popular se consideraban o galego unha lingua ou un sucedáneo sen valor legal. Moita xente, engadiu, non utiliza o galego por prexuízos, xente, explicou que non se expresaba ben en castelán asistía os xuízos facendo un exercicio para poder falar nesa lingua, non por liberdade senón porque o marco era hostil e consideraba que utilizando o castelán tería un mellor trato xudicial.
Asemade, engadiu, na actualidade hai xuíces que teñen problemas por utilizar a nosa lingua na xustiza, hai problemas informáticos e non existe dun corpo lexislativo ao que se poda acceder en galego. Vostedes defenden a imposición do castelán e van en contra do Plan de Normalización lingüística, concluíu.