A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo dende Cambados a posta en marcha dunha estratexia de acompañamento ao sector ante a guerra arancelaria desatada por EEUU coa incorporación por parte da Xunta de medidas de apoio técnico e financeiro, a apertura de novos mercados en países emerxentes ou a intensificación da promoción dos viños galegos no ámbito internacional.
Pontón explicou as principais propostas do BNG logo da reunión que mantivo coas principais cooperativas da D.O. Rías Baixas, denominación de orixe que no último ano exportou castro millóns de botellas ao mercado estadounidense.
“Sabemos que as nosas adegas, neste caso as cooperativas, teñen moita fortaleza e están preparadas para enfrontar esta situación, pero tamén cremos que é importante que haxa unha estratexia de acompañamento que impida que as medidas que pode tomar unilateralmente EEUU afecten á produción, ao emprego e, polo tanto, á riqueza que se xera no noso País”, afondou.
A portavoz nacional avogou así por que os diferentes gobernos desenvolvan unha liña de acompañamento que permita evitar a incidencia negativa dos aranceis impostos pola administración Trump nun sector que cualificou de “estratéxico” para Galiza.

Neste sentido, apuntou á necesidade de que a Xunta poña en marcha medidas de apoio “tanto técnico como financeiro” a través do Igape que axuden a que aquelas adegas que poidan ter problemas polas variacións do mercado “teñan os recursos necesarios para facerlle fronte a esa situación”.
De igual xeito, propuxo o desenvolvemento dunha “promoción intensa” dos viños galegos no mercado internacional, así como “abrir novos mercados en países emerxentes”, iniciativas todas elas que contribuirían a fortalecer o sector nun momento que, advertiu, “está atravesado polas incertezas dados os cambios que se están producindo a nivel internacional”.
Máis alá das medidas concretas que se poidan adoptar en relación á guerra arancelaria desatada por EEUU e que centrou unha parte da reunión, Pontón apostou tamén por que a Xunta incorpore entre as súas prioridades outro tipo de medidas máis estruturais e de xeito permanente ao longo de todo o ano, tal e como propón o goberno alternativo do BNG.
Entre elas, a recuperación dos contratos homologados, o que permitiría “dar unha maior estabilidade ás relacións entre quen produce e quen está comprando uva”, indicou a líder nacionalista, quen tamén defendeu a necesidade de desenvolver en colaboración co propio sector unha Lei do Viño -máis tendo en conta que Galiza conta con cinco denominacións de orixe- que regule a apoie a un sector produtivo que considerou de especial relevancia para o futuro do País.
Así mesmo, propuxo reactivar o banco de terras co obxectivo de facilitar o acceso a unha maior superficie de viñedo e intensificar a promoción da singularidade dos viños galegos que se caracterizan ademais pola súa “gran identidade” e “altísima calidade”. Por último, apostou por incrementar o apoio á innovación nun sector que, concluíu, “xa ten demostrado todo o seu potencial e ten a capacidade para poder competir en todo o mundo”.