O BNG denfendeu unha Proposición non de lei instando ao Goberno galego a negociar con Portugal "condicións en igualdade" para as flotas de arrastre galega e lusa
O deputado, Daniel Rodas reclama o mesmo trato e condicións para ambas flotas e acusou ao Goberno de inacción ante o remate do acordo
A piques de rematar o acordo pesqueiro con Portugal, o deputado do BNG, Daniel Rodas pediu ao goberno galego renovar o acordo da man do sector do arrastre galego para acadar condicións en igualdade coa flota portuguesa.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro confirmou que a Xunta e o Ministerio respectarán o acordo parlamentario galego para introducir unha cláusula de igualdade no novo acordo que entrará en vigor o vindeiro 31 de decembro do 2015. Balseiro anunciou a presentación dunha emenda de substitución que a xuízo do nacionalista só tenta volver a votar o que xa foi votado en pleno.
Na replica, o parlamentario do BNG respondeu ao portavoz popular que debe cumprir o mandato da Cámara galega e non volver a facer o ridículo de presentar unha pregunta á conselleira mentres o Ministro negociaba pola parte de atrás a rebaixa do acordo en detrimento da flota galega. O BNG, dixo, trouxo entón unha iniciativa para denunciar as condicións nas que estaba a faenar a flota portuguesa e vostedes, inicialmente votaron en contra pero despois votaron favorablemente tras as presións do sector.
En ano e medio, dixo Rodas, non fixeron nada, estiveron a durmila a pesar de contar cun mandato da Cámara que os amparaba. Agora,engadiu, quédalle un mes, e esgotase o prazo recalcou o deputado polo que reclamou do Goberno galego iniciar as negociacións do acordo con Portugal esixindo as mesmas condicións pra as flotas galega e lusa entre as que destacou parar a fin de semana, e non utilizar artes ilegais.
É absurdo, afirmou o nacionalista, que unha flota estranxeira nas nosas augas teña mellores condicións que a flota galega, eles 40 toneladas cada semana e nós 80 para todo o ano, ese é o futuro que nos espera preguntou o deputado. Teñen a posibilidade, porque son Goberno, de comparecer no Parlamento e informar do conseguido, na patela como dicimos no mar, na patela, concluíu.
A iniciativa parlamentaria do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.