O deputado, Francisco Jorquera tamén reclamou axudas para os mariscadores durante o período de dragado da ría
O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada rexenerar de maneira integral a Ría do Burgo e a concesión de axudas aos mariscadores durante o período de dragado.
O voto contrario do Partido popular impediu que a iniciativa do BNG prosperara. En opinión do nacionalista, hoxe o PP di que non a que o plan de dragado vaia acompañado de medidas de protección do ecosistema, a un plan de vixiancia para o control da calidade das augas, a estanquidade de lodos, a unha comisión de seguimento e as axudas a mariscadores no período do dragado.
Na súa intervención Jorquera salientou que as plataformas en defensa da rías, representadas por diversos colectivos, entregron un documento á Comisión de Pesca do Parlamento europeo demandando un maior compromiso na protección do noso medio mariño e dos sectores produtivos tradicionais ligados ao mesmo. Un claro exemplo desta degradación, afirmou é a Ría do Burgo sometida a unha forte presión urbanística e no pasado tamén a presión industrial.
O nacionalista denunciou que durante anos non se levaron a cabo medias efectivas de protección e rexeneración o que porvocou que a ría pasara de dar traballo a dous mil mariscadores nos anos 80 a que na actualidade menos de cen persoas desenvolvan actividades extractivas.
Despois de moitos incumprimentos, por fin vaise a acometer o dragado da ría para tratar os sedimentos contaminados a través dun proxecto do Ministerio de Medio Ambiente, proxecto que en opinión do nacionalista, contén inconcrecións e insuficiencias que é necesario corrixir polo que propuxo que se adopten medidas de protección ao ecosistema durante o dragado, vixiancia que inclúa un control exhaustivo da calidade das augas, estanquidade dos recintos de confinamento dos lodos e sexa constituída unha comisión de seguimento intergrada por representantes das distintas adminsitracións, a Universidade da Coruña e axentes implicados porque descoñecemos, dixo, que medidas concretas se van adoptar para extremar a protección ambiental
Por outra parte, Jorquera tamén defendeu establecer axudas pra compensar aos mariscadores/as durante o período de inactividade porque os traballos de dragado son incompatíbeis cos labores de marisqueo. Asemade reclamou que a rexeneración da Ría do Burgo sexa un proxecto integral que vai alén do dragado.