Senado

Carme da Silva pon en valor as bonificacións de até 75% na AP-53 conseguidas polo BNG e os seus beneficios para a comarca do Deza

Rolda Lalín
Rolda Lalín

Valoración do BNG após acordar co Goberno do Estado que as primeiras bonificacións desta autoestrada entren en vigor no primeiro trimestre de 2025: “repárase esta situación de inxustiza e agravio”

Aforros para particulares de até 200€ ao mes; ou preto de 2.000€ ao ano para vehículos pesados, calcula a senadora do BNG

“Estas bonificacións tamén suporán o alivio do tráfico e unha mellora na seguranza viaria da N-525 que atravesa varios núcleos de poboación” reivindica Carme da Silva

Carme da Silva pon en valor o conseguido pola formación nacionalista ante as primeiras e importantes bonificacións da AP-53 para as persoas usuarias de até 75% que entrarán en vigor no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non novos Orzamentos do Estado. Da Silva reivindica o papel do BNG nas Cortes do Estado e a capacidade de traballo da organización na defensa dos intereses dos galegos e galegas, e no concreto da comarca do Deza, para rematar “cunha situación inxusta” que lastra a capacidade socioeconómica da Galiza.

A senadora do BNG estivo acompañada pola deputada do Parlamento de Galiza e concelleira de Lalín, Ariadna Fernández; o portavoz municipal do Concello de Lalín, Paco Vilariño; a concelleira do BNG no municipio de Agolada, Susana Tato; e o responsábel comarcal da organización nacionalista, Xoán Blanco.

“O BNG meteu no Acordo de Investidura a reivindicación de que a AP-53 tiña que ter bonificacións, sendo as mesmas que tiveran na AP-9” recorda Carme da Silva. En aras de cumprir o acordado, e após o traballo do BNG nas Cortes do Estado, Transportes comprometeuse a que a entrada en vigor das bonificacións da AP-53 “sexa no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non haxa Orzamentos Xerais do Estado”

“Estas bonificacións suporán que no traxecto Santiago-Lalín, quen empregue esta autoestrada –por exemplo- para traballar todos os días terá unha rebaixa de 75%. Un aforro de 200€, de facer esta viaxe 20 días ao mes; ou de 100€ se a viaxe se fai 10 días ao mes” subliña a senadora do BNG. Estas bonificacións de 75% para persoas usuarias superrecorrentes, continúa explicando Carme da Silva, son para 20 viaxes: “dez viaxes de ida e de volta”.

Aos vehículos pesados tamén lle afectarán estas bonificacións, supondo a liberación da N-525 de moito tráfico. “Por cada viaxe, sexa cal for o método de pago dos camións, terá garantida unha rebaixa de 20%; se, ademais, fan ese traxecto de forma recorrente -20 veces- suporá unha rebaixa adicional de 50%, co que aforrará 2.000 € ao ano” apunta Carme da Silva.

“Grazas ao traballo do BNG, por introducir as bonificacións na AP-53, repárase esta inxustiza e agravio que levaba dúas décadas lastrando a economía do noso País e, paralelamente, mellórase a seguranza viaria na N-525” reivindica a senadora nacionalista. Estes descontos supón que moito tráfico que até a actualidade estaba empregando a N-525, trasladarase a autoestrada aliviando a circulación en moitos núcleos de poboación da comarca.

Para o BNG, sinala Carme da Silva, este feito supón solucionar un agravio promovido polo Partido Popular, que contou coa conivencia mesmo do actual alcalde de Lalín. Carme da Silva, neste sentido, insta o alcalde a pedir desculpas por “non ser capaz de empregar a capacidade política que se supón que debería ter mentres estivo gobernando o PP no Estado.

Demostramos, conclúe Carme da Silva, que a representación do BNG nas Cortes do Estado defendendo os intereses dos galegos e das galegas, e neste caso concreto da veciñanza da comarca, “é moito máis útil para Galiza e esta comarca que a inutilidade manifesta do Partido Popular durante os últimos 20 anos”.

Por culpa do PP vs grazas ao BNG: quen defende os intereses da Galiza?

A historia da AP-53 é coñecida pola veciñanza de Lalín porque que esta autoestrada ten unha concesión até 2074 por decisións do goberno do Partido Popular de Aznar: “sendo a autoestrada máis cara do Estado e sendo a única que a día de hoxe non ten bonificacións” lembra a senadora nacionalista. “O Partido Popular é o responsábel doloso desta situación porque é, a través de decisións políticas, quen estabeleceu estas condicións e o responsábel directo de dúas décadas de peaxes inxustas na AP-53” sinala.

“Os sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, non rebaixaron nunca as peaxes desta autoestrada” apunta da Silva. Unha arma política, lembra a senadora, que os partidos estatais empregaban sempre que estaban na oposición mais esquecían cando gobernaban no Estado. “Había acordos unánimes do Concello de Lalín e mesmo do Parlamento de Galiza mais nin un nin o outro fixeron nada ao respecto” subliña.

De facto, recorda Carme da Silva, Ana Pastor que fóra responsábel da carteira de Fomento entre 2011 e 2016, acudiu a un mitin de Lalín e dixo que había que rebaixar a AP-53 “mais cando foi Ministra nunca fixo nada”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG