Parlamento Galego

BNG exixe á Xunta do PP a non autorizar a implantación do Grao de Dereito na universidade privada UIE

Daniel Castro
Daniel Castro

Daniel Castro denuncia o evidente incumprimento da Lei Galega de 2013 por parte da Xunta, que segue a facilitar a privatización do noso ensino universitario ao mesmo tempo que continúa a infrafinanciar ás universidades públicas

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a tentativa de implantación do Grao de Dereito na universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), promovida por Afundación. Os nacionalistas levarán ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para instar á Xunta de Galiza a non autorizar de modo definitivo a implantación deste grao na UIE.

O deputado nacionalista, Daniel Castro, denunciou que a Xunta de Galiza volveu dar o seu visto e prace a que a Universidade Intercontinental de la Empresa, “a Universidade de Abanca”, como xa ocorrera hai uns meses co Grao de Psicoloxía, imparta un grao xa existente no Sistema Universitario Galego, “é dicir, nas universidade públicas” apuntou.

Desta forma tal e como denuncia o BNG, volveríase a contradicir a normativa que exixe evitar duplicidades entre a universidade pública e a privada. “Neste caso estamos a falar dun grao que se imparte nas tres universidades galegas, polo que a duplicidade é máis que obvia” subliñou Castro.

Alén disto, mentres as facultades de Dereito dos tres campus universitarios do país e os principais sindicatos están a denunciar o evidente incumprimento da Lei Galega de 2013, a Xunta segue a facilitar a privatización do noso ensino universitario ao mesmo tempo que continúa a infrafinanciar ás universidades públicas “que a duras penas son capaces de facer fronte ao gasto estrutural das mesmas” salientou o portavoz de universidades do BNG.

“Son as propias universidades públicas galegas as que criticaron publicamente esta decisión, cualificándoa como inxusta e como un ataque contra a lexislación galega, o que evidencia de novo como o goberno do PP segue sen escoitar ás universidades públicas do noso país” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG