Parlamento Galego

BNG empraza á Xunta do PP a negociar con Concello de Bueu para que a vella cámara agraria volva ás mans da veciñanza

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos subliña que o local foi adquirido grazas as cotas da comunidade agraria e por iso o máis lexítimo é recuperalo agora para darlle uso social

/p>

O deputado do BNG Paulo Río emprazou este venres o Goberno do PP na Xunta a negociar co Concello de Bueu e a buscar a vía legal que permita a cesión da vella cámara agraria para darlle usos sociais, unha reclamación histórica -destacou- que permitiría que o local revertese en beneficio da veciñanza.

Ríos subliñou que o local, duns 150 metros cadrados e que leva cinco anos pechado e deteriorándose, foi adquirido en 1980 grazas ás cotas que pagaban as persoas que integraban naquel momento a comunidade agraria de Bueu. É por iso que considerou que “o máis razoable dende o punto de vista da lexitimidade, dende o punto de vista histórico e tamén se o que queremos é ser prácticos” é que o local volva ás mans da veciñanza a través do Concello.

No transcurso dunha pregunta parlamentaria sobre este tema que respondeu José Manuel Barreiro Díaz, director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, o deputado nacionalista reivindicou a cesión do local como mellor fórmula se ben, ante a negativa da Xunta, pediu cando menos abrir unha negociación e “buscar alternativas” para que o local se poña a disposición dos veciños e as veciñas “o antes posible e cos menores custes posibles”.

“Non falamos só da adquisición, senón tamén do necesario acondicionamento que hai que facer”, replicoulle ao director xeral, a quen recriminou que a intención da Xunta sexa “ademais de cobrar ao Concello unha cantidade económica taxada pretenda que sexa a veciñanza de Bueu quen pague o acondicionamento que vostedes non fixeron mentres utilizaron o espazo, aínda que fose de maneira parcial.

Ríos salientou que a cesión da cámara é unha reclamación histórica de diferentes gobernos municipais que entenderon a necesidade de poñer a disposición do interese público e de carácter social espazos públicos infrautilizados ou directamente en desuso, tal e como se fixo noutras vilas como Moraña ou Cangas. Lembrou, neste sentido, que diferentes corporacións, concretamente nos anos 1996, 2008 e 2024, solicitaron a cesión á Xunta sen éxito.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG