Jorquera cualifica de "homicidio político" e "exercicio de cinismo" os orzamentos da Xunta para 2013

O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, asegurou hoxe que os orzamentos presentados polo goberno para 2013 representan un “homicidio político” para Galiza e un “monumental exercicio de cinismo”.

“As consecuencias xa as estamos vendo –engadiu- coa recesión convertida nunha grande depresión; coa destrucción do noso tecido productivo; cos alarmantes dados do paro ou co incremento da pobreza e da exclusión social”.

Para Jorquera, esta realidade demostra que o goberno de Feijóo apostou máis unha vez por unha concepción da economía que non ten en conta ás persoas e lamentou que frente á indignación e á desesperación que isto provoca, a resposta do PP sexa a de non escoitar á xente, a de non querer rectificar nin cambiar o rumbo.

Democracia secuestrada

Neste sentido, o portavoz nacionalista vencellou a postura económica do PP coa decisión de Pilar Rojo, presidenta da Cámara, de “acuartelar o Parlamento ao seu lexítimo dono, o pobo galego” pois na súa opinión ambos comportamentos demostran que “vivimos tempos de secuestro da democracia”.

“Quérese debilitar a capacidade de actuación no eido económico dos poderes democráticos. Os cidadáns perciben que na toma de decisións os seus intereses son sacrificados para cumplir os dictados dos grandes poderes económicos. Prohíbindolles, ademais, o acceso aos debates se afonda aínda máis no distanciamento entre as institucións representativas e os seus representados”, continou Jorquera.

 A solvencia, un mito

O voceiro nacionalista insistiu na idea de que estes orzamentos son “cínicos” porque en contra do que sostén o PP todas os indicadores e todas as evidencias demostran que a solvencia non está garantida, “é máis, estamos ante a caída do mito da solvencia”, non van situar a Galiza na senda do crecemento e non son os “orzamentos máis sociais da historia, como sosteñen vostedes”.

Jorquera reprochou que o goberno do PP teime en se comportar como fríos contábeis e advertiu que non hai maior mostra de incapacidade que a contumacia á hora de perseverar no erro, “e dende logo as políticas de recortes só contribúen a que a economía se deprima, non ao crecemento”.

O portavoz do BNG puxo algúns exemplos que deberían facer reflexionar ao goberno en vez de subestimar a gravidade da recesión e referiuse, por exemplo, á caída do 0,9 por cento do PIB prevista para este ano, recoñecida nos propios orzamentos e ao incremento do paro, que dende que goberna o PP se incrementou nun 70,5 por cento.

“Apesar do discurso da austeridade –engadiu- as únicas partidas de gasto que medran son as da presidencia da Xunta e a débeda pública mentres que a capacidade real de gasto das consellerías e do sector público se reduce en máis de 655 millóns de euros. Ulo seu impulso á economía productiva, ás políticas de crecemento e ao gasto social?, acaso están na súa renuncia á política de normalización e no incremento da partida para profesores de relixión e de FP privados?”, ironizou.

Trampas contábeis

Jorquera criticou de novo as trampas contábeis de Feijóo para falar do défice e lembrou que as denuncias do Consello de Contas a este respecto xa non son un borrador, senón que se confirmaron oficialmente “pero hai marxe para practicar outras políticas”, asegurou.

Entre algunhas das medidas propostas polo portavoz parlamentar do BNG salientan:

-Actuar sobre os mínimos exentos do imposto de patrimonio e sobre os tipos de gravame do IPF

-Imposto ás grandes superficies comerciais

-Imposto sobre depósitos bancarios

-Actuar sobre a fraude de lei

-Compensar a suba do IVA

-Opoñerse ao decreto do Estado sobre a factura da luz

-Cuestionar a distribución de obxectivos de déficit

-Apostar por outro modelo de financiación autonómica

“Mais vostedes non o fan porque o seu é unha escolla ideolóxica e de clase, unha escolla nacional tamén, pola que vostedes fan deixación de funcións, da súa primeira responsabilidade, defender os intereses de Galiza e das súas maiorías sociais”, concluiu Jorquera.

Discurso Debate Totalidade Orzamentos 29 Xaneiro 2013.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG