O IGAPE esixe "boa presenza" ás azafatas interpretes no evento Galician Gourmet

A deputada do BNG, Carme Adán pide explicacións ao Goberno sobre o “trato discriminatorio” do IGAPE no evento Galician Gourmet Extravaganza que esixe “boa presenza” ás azafatas interpretes entre as empresas galegas e os profesionais ingleses

Carme Adán

A parlamentaria do BNG, Carme Adán rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que pregunta polas medidas adoptadas pola Secretaría xeral de Igualdade ante o trato discriminatorio ás azafatas interpretes do evento Galician Gourmet Extravaganza coa esixencia de “boa presenza” para desenvolver a súa actividade como interpretes entre as empresas galegas expositoras e os profesionais ingleses asistentes.

A nacionalista salienta que o evento é patrocinado pola Xunta, o IGAPE e a Cámara de Comercio da Coruña e con fondos FEDER procedentes da Unión Europea.

A secretaría xeral de Igualdade “ausente” nas comparecencias de Orzamentos

A parlamentaria pide explicacións ao Goberno por permitir o proceder “discriminatorio” do IGAPE e acusa a Feijóo de “falar moito de demografía pero esquecer as mulleres” como demostra, afirma, a ausencia da Secretaría Xeral de Igualdade nas comparecencias parlamentarias dos orzamentos previstas para os vindeiros días.

Galician Gourmet Extravanganza promociona os produtos galegos fora de España

O Galician Gourmet Extravaganza, explica Adán, é un tour gastronómico para promocionar fora de España a calidade da cociña galega e dos seus produtos, a través da realización dunha serie de eventos en distintas cidades. O primeiro deles tivo lugar en Londres entre os pasados 15 e 18 de outubro.

Carme Adán

Para o encontro gastronómico previsto na capital británica realizouse unha convocatoria de emprego, procurando "azafatas" para traballar como interpretes . Ás posibles aspirantes requiríaselles ter estudos medios, ser bilingües en español e inglés e ter "don de xentes". Ademais, a oferta demandaba delas "boa presenza".

A convocatoria, publicada en distintos medios, coma portalparados.es, foi denunciada ante o Instituto de la Mujer que a tramitará na Inspección de Traballo. Ademais, a denuncia incorporouse á base de datos do Observatorio de la Imagen de las Mujeres. Na reclamación sinálase que o anuncio é discriminatorio e sexista e estaría vulnerando a lexislación relativa á protección da igualdade. A Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes especifica que "se considerarán discriminatorias as ofertas referidas a un dos sexos, agás que se trate dun requisito profesional esencial e determinante da actividade a desenvolver".

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG