A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, interveu na Comisión 4ª do Parlamento galego para alertar sobre a situación de desprotección na que se encontra o alumnado matriculado en FP Dual Intensiva, especialmente aqueles que rematan os seus estudos despois do verán, para os que pide que poidan acceder en igualdade de condicións ás prazas de novos ciclos formativos ou cursos de especialización.
A deputada nacionalista sinalou que, malia o incremento da oferta de FP Dual Intensiva nos últimos anos, esta modalidade presenta “graves eivas” coma a de non garantir a titulación do alumnado antes do verán — o calendario de admisión e matrícula da FP en Galicia iníciase en xuño e remata en setembro— o que impide que poidan optar ás prazas para continuar a súa formación, deixando fóra ao estudantado que remata tarde por mor das prácticas da empresa. “A maioría titula en setembro, cando as adxudicacións están practicamente pechadas e apenas hai prazas dispoñibles”, puntualizou.
Criticou así mesmo que a Xunta non informa nin publica até o último trimestre do curso de todos os requisitos e prazos para solicitar admisión en calquera ciclo formativo (de oferta ordinaria, modular, a distancia ou dual intensiva) tanto de grao medio como superior, así como dos cursos de especialización. Recordou que para realizar a preinscrición nesta oferta é preciso ter acadado o título que dá acceso aos ciclos formativos e cursos de especialización incluídos na mesma.
Na iniciativa do BNG ínstase á Consellería de Educación a planificar de maneira integral o futuro da FP, contando cos profesionais do ensino, as direccións dos centros, as familias e o propio alumnado, para garantir un sistema educativo público, de calidade e con equidade para toda a mocidade galega.
Un modelo de “pura propaganda” que desvía alumnado cara a privada
Durante a súa intervención, Fernández Davila criticou a política do Goberno do PP na Xunta, que considera “pura propaganda” arredor da Formación Profesional, sen atender a realidade das necesidades do sistema educativo galego. “Cada día saen en prensa con anuncios sobre a FP, vendéndoa como panacea para os problemas laborais da mocidade e das persoas ocupadas, mais esquecen a planificación, a consulta cos sectores implicados e, sobre todo, a calidade educativa”, denunciou.
A deputada nacionalista puxo en valor a FP en Galiza como unha “saída educativa de prestixio” que era “garante dunha formación de calidade e excelencia cara o ámbito laboral”, recoñecendo que tería que ser actualizada, modernizada e adaptada ás novas tecnoloxías.
Porén, asegura que esta adaptación debe facerse con “planificación, consulta previa co sector e pensando en mellorar a aprendizaxe do alumnado, non en dar solucións de man de obra barata ás grandes empresas ou abrir un nicho de negocio importante para que os centros privados ou esas mesmas empresas sexan convertidas en centros de FP que facilita así o seu problema principal, pero onde a calidade educativa quedará en cuestionamento”, advertiu.
Ademais, criticou que o Goberno do PP na Xunta non está a ter en conta a falta de industria e empresas en Galiza, que vai ser fundamental para dar saída a todo o alumnado que titule nos vindeiros cursos académicos.
A esta situación engádese, segundo Fernández Davila, “a estratexia do PP de desviar o alumnado cara ao ensino privado, sobre todo nos ciclos de maior interese, que xa superan en número aos públicos nalgunhas cidades galegas”. Isto constitúe para a deputada un problema para o alumnado, especialmente para os que dispoñen de menos recursos. Tamén apuntou outras consecuencias da falta de planificación como a burocratización excesiva, a avaliación do alumnado por persoal sen formación docente, ou as dificultades de seguimento nos concellos do rural pola escaseza de empresas colaboradoras.
“Vostedes son os do non aos intereses do galegos e galegas para beneficiar as empresas amigas”, rematou.