A portavoz nacional, Ana Pontón, reafirmou en Pontevedra a posición “pacifista e antimilitarista” do BNG fronte á escalada de armamento internacional que estamos a vivir e da que participa unha Unión Europea cuxo plan para incrementar o gasto militar, advertiu, obrigará a “detraer recursos” das cada vez máis precarias partidas de sanidade, educación, dos servizos sociais como o da atención á dependencia e mesmo das pensións ou subsidios de desemprego.
Así o afirmou no acto organizado polo BNG baixo o título ‘Que esconden tras o aumento do gasto militar?’ e no que, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, analizou o actual contexto internacional e as consecuencias das políticas de rearme baixo as que, apuntou, o que está de fondo é “o imperialismo, o reparto de zonas de influencia e o reposicionamento no taboleiro mundial de EEUU fronte aos países emerxentes”, singularmente fronte a China.

Neste contexto, Pontón denunciou os falsos relatos asentados sobre a necesidade de defender e garantir a democracia cos que se está a xustificar esta deriva militarista e criticou a hipocrisía dunha UE que, pregada aos intereses de EEUU, di defender o dereito internacional mentres “é cómplice do xenocidio do pobo palestino” ou “lle entrega a Marrocos a vida, o futuro e a liberdade do pobo saharauí”.
Hipocrisía que tamén queda patente cando durante a crise de 2008, e pese a que daquela “se trataba de salvar a xente que o perdera todo”, impuxo unha férrea disciplina fiscal que agora fai saltar polos aires para -ademais de aumentar o gasto militar até o 3% do PIB- poñer sobre a mesa 850.000 millóns de euros para gasto militar.
Un investimento que considerou inxustificado, máis tendo en conta que, na actualidade, o gasto militar dos países europeos xa é arredor de catro veces o gasto militar de Rusia. De feito, e segundo datos de 2023, tan só os países europeos membros da OTAN destinan anualmente máis de 383.000 millóns de euros ao gasto militar, fronte aos 109.000 millóns de Rusia.
“Resulta evidente que a decisión de aumentar máis o gasto militar por parte da Unión Europea e outros estados externos á UE non se corresponde en absoluto coa realidade obxectiva existente, nin responde a unha suposta ameaza de superioridade militar de Rusia sobre o conxunto de países europeos, que é a desculpa que utilizan para xustificar a carreira de armamentos, a implantación do militarismo e, en consecuencia, o aumento brutal do gasto militar”, afondou, para apuntar a continuación que o plan de rearme da UE responde a unha esixencia da OTAN para poder seguir concentrando os seus esforzos na zona de Asia Pacífico.
A líder nacionalista advertiu que as consecuencias desta escalada belicista poden ser terribles, dado que implicará a implantación do temido militarismo, cun recorte brutal dos dereitos e liberdades, o aumento do gasto militar e a extensión da carreira armamentística en toda Europa.
“Esta deriva militarista europea irá claramente en detrimento dos xa escasos recursos destinados á sanidade, ao ensino, á dependencia e a outras partidas de cobertura social”, incidiu Pontón, quen apostou como alternativa á resolución pacífica de conflitos, no marco dos principios de pacifismo, antiimperialismo e de respecto á soberanía dos pobos que sempre defendeu o Bloque.
Por iso, recalcou a oposición da formación nacionalista a esta deriva militarista e a este novo intento de “precarizar, cando non desmontar, os servizos públicos e a cobertura social”. Así pois, avanzou, o BNG estará onde estivo sempre, na defensa da paz e dos valores democráticos, e traballará por reverter o desvío de recursos públicos e por frear unha escalada belicista “innecesaria, absurda e moi perigosa”.