A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou hoxe que o PP está a demostrar que non é de fiar e que minte. Estas foron as súas declaracións após a ponencia que estuda a ILP sobre dación en pago e o proxecto de lei sobre debedores hipotecarios do Goberno.
O Señor Pujalte minte a pesar das recomendación que lle deu o seu pai cando era cativo. Minte ao dicer que recollen medidas propostas por outros grupos porque non é así, enfatizou Davila.
Ademáis, na tramitación deste importante tema, o PP está a demostrar que admitiu a trámite a ILP asinada por un millón e medio de cidadáns para logo laminala e desbotala por completo. Está a demostrar que non é de fiar, e cando promete cousas despois as falsea.
Davila subliñou que o PP non está a admitir nada da ILP respaldada pola cidadanía, nen fai caso do que piden os xuices para non ter que procurar nos xuizos argumentos até baseados en leis europeas. Mantén unha lei que elimina a dación en pago, e as medidas de protección son tan restrictivas e impoñen unhas condicións tan difíceis de cumprir que a protección desta lei vai ser a mesma do Decreto.
Para a deputada do BNG o PP ten credibilidade cero. Nen está disposto a dar resposta ás demandas sociais, incluso dos que lles votan, nen ás demandas dos xuices nen das oganizacións políticas.
A desta mañá foi a segunda reunión da Ponencia que apenas durou vinte minutos debido á negativa do PP a aceitar as emendas dos grupos como o BNG que voltou a presentar a dación en pago.